A Xunta enxalza a tradición galega vencellada á elaboración de bebidas espirituosas de calidade

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reuniuse hoxe coa presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Sonia Otero. Nesta xuntanza avaliaron a posibilidade de establecer vías de colaboración para afondar na promoción das bebidas espirituosas con distintivo de calidade que se elaboran na comunidade.

Alemparte lembrou que este consello regulador está conformado polas indicacións xeográficas Licor de Galicia, Licor de Herbas de Galicia, Orujo de Galicia e Augardente de Herbas de Galicia e que están “estreitamente vencellados” coa tradición e a cultura galegas. Cabe sinalar que este consello regulador conta con 134 produtores adheridos, que no 2024 elaboraron uns 298.000 litros de produción certificada cun valor económico de preto de 3,7 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2025