Belén do Campo destaca o compromiso da Fundación Monte do Gozo e de Proxecto Home Galicia á hora de apoiar ás persoas e ás familias que loitan contra as adiccións

Estas entidades  levan anos traballando na comunidade con programas dirixidos a apoiar ás persoas e familias que loitan contra as adiccións buscando a súa rehabilitación e a reinserción social

A Coruña, 1 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo,  mantivo un encontro cos representantes da Fundación Monte do Gozo e de  Proxecto Home Galicia, no que puido coñecer de primeira man os proxectos que esta entidade ten en marcha para o desenvolvemento de programas de atención, rehabilitación e reinserción social e sociolaboral dirixidos a persoas con problemas de adiccións. Ademais, coñeceu de primeira man as iniciativas nas que están a traballar nestes momentos.

A delegada destacou que a Xunta de Galicia mantén a súa colaboración con estas entidades que  son unha porta aberta á esperanza para centos de persoas e familias que loitan contra as adiccións.

Durante a reunión, a representante autonómica trasladou o apoio do Goberno galego para seguir impulsando as súas iniciativas, ao tempo que repasou as distintas liñas de colaboración que a Administración autonómica a través da Dirección Xeral de Inclusión. Así, coa Fundación Monte do Gozo firmouse un convenio nominativo, por importe de case 154.000 euros anuais, destinados ao financiamento de nove prazas do programa Acougo, que ofrece atención personalizada, rehabilitación e reinserción social a persoas diagnosticadas con patoloxía dual a través dun modelo de intervención psicosocial que inclúe grupos de autoaxuda, seminarios educativos e formativos, talleres ocupacionais e de adquisición de habilidades sociais, actividades físico-deportivas e intervención con familias, entre outras accións.

Ademais, a través da orde do IRPF 2024, a Fundación Monte do Gozo tamén recibiu máis de 191.000 euros para desenvolver actuacións en 2025. Desa cantidade, case 156.000 euros destínanse a un programa de inserción sociolaboral que promove a inclusión social e facilita o acceso ao mercado laboral de persoas en situación de exclusión con problemas de adiccións, mentres que os máis de 35.000 euros restantes van dirixidos a obras de conservación e mantemento do centro no que se desenvolve o programa Acougo en Vigo.

Nesta liña a Fundación Monte do Gozo recibe outros máis de 27.700 euros, da Consellería de Medio Rural, en concreto, a través de AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria), para apoiar proxectos no rural neste caso un programa para a Comunidade Terapéutica de Cernadas.

Por outra banda, a Fundación Centro Galego de Solidariedade, creada no 2009, recibe outros 25.500 euros para levar a cabo un programa específico de inserción sociolaboral no ámbito agro-gandeiro.

Atención sanitaria

A delegada tamén puxo en valor a colaboración do Goberno galego coa Fundación Monte do Gozo con máis de 1,2 millóns de euros a través da Consellería de Sanidade para o desenvolvemento do programa terapéutico-educativo "Proxecto home" de atención integral de persoas en risco e con trastornos aditivos da Comunidade Autónoma de Galicia e do programa de tratamento e rehabilitación, en réxime de comunidade terapéutica, da dependencia alcohólica.

Belén do Campo destacou que  a Fundación Monte do Gozo, Proxecto Home Galicia  e a  Fundación Centro Galego de Solidariedade levan anos traballando na comunidade, con programas dirixidos a apoiar ás persoas e familias que loitan contra as adiccións buscando a súa rehabilitación e a reinserción social, facendo que Galicia sexa unha comunidade máis solidaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2025