Medio Rural impulsa un novo proxecto de investigación e caracterización da Rosca de Sober
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na presentación desta iniciativa, que ten como fin recuperar este doce tradicional
Nela participa persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegono e da Cátedra de Pan da Universidade de Santiago de Compostela, ademais do propio Concello de Sober, rosqueiros e un cociñeiro da localidade
Martín Alemparte sinalou que esta colaboración se dá nun contexto de especial importancia para o territorio da Ribeira Sacra, xa que se está a impulsar a súa candidatura como Patrimonio Mundial da Unesco
Sober (Lugo), 2 de outubro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación do Proxecto Rosca de Sober, impulsado pola Consellería do Medio Rural e centrado na investigación e caracterización deste produto. Durante o acto, o director explicou que esta iniciativa ten como fin recuperar e reivindicar este doce, que é “testemuña viva da identidade dun territorio” e “patrimonio gastronómico”.
O proxecto está baseado en tres eixos principais, que pasan pola documentación e preservación das calidades da rosca de Sober e o desenvolvemento de sistemas de elaboración e de conservación que respecten a súa autenticidade. Por último, exploraranse novos usos culinarios que a proxecten cara á gastronomía contemporánea e á hostalería. Así, Alemparte lembrou que se trata dun produto tradicional elaborado en forno de leña, feito con auga, sal, azucre, fariña, ovos e azafrán.
Neste proxecto está implicado persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería; e da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais do propio concello de Sober, rosqueiros e un cociñeiro da localidade.
Para afondar aínda máis na posta en valor deste doce, contribuirase a reforzar a celebración da Feira da Rosca, que en 2026 chegará á súa XXIX edición, que sirve de escaparate para dar a coñecer a súa singularidade, para darlle un novo impulso e que a rosca de Sober sexa coñecida polas novas xeracións.
Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco
Martín Alemparte sinalou que esta colaboración se dá nun contexto de especial importancia para o territorio da Ribeira Sacra, xa que se está a impulsar a súa candidatura como Patrimonio Mundial da Unesco. Neste sentido, a Rosca de Sober, como produto singular e exclusivo da zona, pode favorecer o recoñecemento internacional e contribuír ao desenvolvemento turístico e económico da zona.