O Consello da Xunta aprobará mañá a creación do Observatorio Galego do Xogo para adaptar as políticas públicas ás necesidades da sociedade

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe a medida durante a súa participación no Congreso da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados

Destaca que a lei autonómica busca garantir un marco legal para fomentar un xogo responsable e seguro, priorizando a prevención e a protección dos usuarios, con especial atención aos menores e aos colectivos máis vulnerables

Resalta o labor da FEJAR e garante o compromiso do Goberno galego de seguir abordando a dependencia ao xogo desde unha perspectiva ampla, que inclúe a prevención, asistencia sanitaria, a integración social e a regulación legal

Vigo, 5 de outubro de 2025

O Consello da Xunta aprobará mañá luns a creación do Observatorio Galego do Xogo, que permitirá estudar e avaliar as políticas públicas nesta materia para adaptalas ao que a sociedade demanda e necesita. Así o anunciou este mediodía o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a súa intervención no 25º Congreso da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados (FEJAR).

Corgos avanzou que, ademais de realizar propostas e recomendacións acerca das normas sobre o xogo, este órgano promoverá campañas de sensibilización e prevención por un xogo responsable e seguro, realizará investigacións e estudos e difundirá información sobre a situación xeral do sector na Comunidade.

O conselleiro de Facenda incidiu no compromiso da Xunta de sumar esforzos para, entre todos, contribuír a que o xogo sexa unha actividade responsable e segura. Un compromiso, subliñou, que se reflicte na entrada en vigor, fai dous anos, dunha nova normativa autonómica que busca garantir un marco legal cunha serie de medidas e actuacións específicas para fomentar un xogo responsable e seguro, priorizando a prevención e a protección dos usuarios, con especial atención aos menores e aos colectivos máis vulnerables.

“En Galicia temos unha norma esixente, á vangarda das normativas reguladoras do sector en España, que está sendo tomada como modelo por outras comunidades á hora de actualizar as súas lexislacións”, dixo, recordando que esta lei prohibe, entre outras cousas, a concesión de préstamos, ou calquera outra modalidade de crédito, ás persoas usuarias dos xogos; a concesión de bonificacións e partidas gratuítas; a publicidade dos xogos de competencia autonómica na radio e na televisión de Galicia, cun réxime moi estrito en relación a promoción, propaganda, patrocinio e publicidade destas actividades, así como a publicidade na vía pública e medios de transporte.

A normativa recolle tamén o deber de que todos os establecementos –casinos, bingos, tendas de apostas e salóns de xogo- teñan control de acceso que prohiba a entrada de menores e persoas inscritas no Rexistro de Prohibidos. E duplica a distancia, pasando de 150 a 300 metros, á que terán que situarse os establecementos de xogo en relación aos centros oficiais de ensino regrado a menores de idade, e centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas.

Así mesmo, a lei fixa un límite máximo de establecementos e establece un concurso público para poder acceder ás novas autorizacións de instalacións. E, en relación ás máquinas de xogo, recolle tamén medias de prevención dirixidas a planificar e limitar o xogo en comecartos e apostas, limitando a dúas o número de máquinas que poden instalarse nos locais de restauración e ocio.

Miguel Corgos concluíu destacando o labor da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados a prol dun xogo responsable e na defensa dos intereses das persoas afectadas pola dependencia ao xogo. E garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir abordando esta problemática desde unha perspectiva ampla, que inclúe a prevención, asistencia sanitaria, a integración social e a regulación legal, como poñen de manifesto os convenios asinados coa Asociación Galega de Xogadores Anónimos e a Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación para apoiar o seu traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2025