Medio rural destina máis 1,25 M€ para a eficiencia enerxética e a restauración e mellora de espazos na aldea de Infesta, en Monterrei
A conselleira María visitou hoxe a zona para poñer en valor os avances dos diferentes programas europeos que se están levando a cabo e que promoven o desenvolvemento rural
No marco de Aldealix, estase a piques de poñer en funcionamento a rede de calor con caldeira coa que se dará servizo de calefacción a 33 vivendas da aldea a partir do aproveitamento da biomasa
Dentro de Paisactivo-Paisaxe cortalume, vén de asinarse un convenio co Concello de Monterrei para realizar unha serie de actuacións que melloren a xestión sostible dos terreos agroforestais ao mesmo tempo que se dinamiza o núcleo de poboación
Monterrei (Ourense), 3 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; visitou a aldea modelo de Infesta, no concello ourensán de Monterrei, para comprobar os avances que se están impulsando desde o seu departamento para a eficiencia enerxética e a restauración e mellora de espazos da zona, cun investimento total que ascende a máis de 1,25 millóns de euros.
Trátase dun conxunto de actuación vinculadas a dúas iniciativas europeas incluídas no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep). Neste sentido, a conselleira destacou o proxecto Aldealix co que se busca fomentar a sustentabilidade e a eficiencia enerxética en comunidades rurais mediante o uso de biomasa forestal para xerar calor. Así, coñeceu a instalacións da rede de calor con caldeira de biomasa que está a piques de poñerse en funcionamento e a través da cal se dará servizo a 33 vivendas da aldea cun investimento de algo máis de 850.000 euros.
Gómez salientou que con esta actuación dótase a Infesta cunha alternativa para producir enerxía de proximidade e promove a autosuficiencia enerxética a partir do aproveitamento da biomasa, á vez que se reduce o risco de incendios forestais. Así mesmo, lembrou que onte mesmo asinouse un convenio co Concello de Cerdedo-Cotobade para a posta en marcha tamén dunha rede de calor con caldeira de biomasa que dará servizo a diversos edificios municipais.
Prevención de incendios forestais
A maiores, a conselleira fixo fincapé tamén no proxecto Paisactivo-Paisaxe cotalume, unha iniciativa que ten por obxectivo reducir a vulnerabilidade do territorio ante o risco de incendios coa posta en valor e mellora da xestión dos terreos agroforestais ao mesmo tempo que se dinamiza o núcleo de poboación.
Deste xeito, lembrou que a Consellería vén de asinar un convenio co Concello de Monterrei para realizar unha serie de actuacións para a restauración e mellora paisaxística; intervencións para a habilitación e mellora da multifuncionalidade de espazos públicos e a rehabilitación e renovación urbana da aldea, entre as que se atopa a praza da Fonte, o primeiro lugar no que se vai actuar. En total, estas actuacións suporán un investimento de preto de 260.000 euros no marco deste proxecto ao que, engadiu, xa se lle suman outros 145.000 euros que se investiron na mellora paisaxística na contorna da igrexa de Infesta.