A Xunta salienta en Ferrol o apoio á campaña ‘Comercios que conta historias’ no marco da iniciativa autonómica ‘O teu comercio local é extraordinario’
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde as actividades de dinamización que se desenvolven ao abeiro da iniciativa no barrio da Magdalena
Destacou que esta campaña é un exemplo da capacidade de innovación e dinamización dos centros comerciais abertos, que contribúen tanto a poñer en valor o tecido comercial como a revitalizar as rúas e espazos públicos
Lembrou que esta foi unha das cinco iniciativas extraordinarias recoñecidas pola Xunta a nivel galego, xunto con Ribadeo, Boiro, Marín e Rianxo, polo seu carácter innovador, a creatividade das proposta e o seu impacto cultural e económico
Ferrol, 3 de outubro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde as actividades da campaña Comercios que conta historias, organizada polo Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena co apoio da Xunta no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario.
A proposta —que se desenvolve ata mañá e na que tamén participan os bares e restaurantes da Asociación de Hostalería de Ferrol— inclúe numerosas actividades de dinamización vencelladas ao consumo no comercio de proximidade, como unha ruleta xigante, concertos, xogos infantís, concursos gastronómicos e visitas guiadas pola historia da cidade a través de tres rutas temáticas: Comercio Ilustrado, Comercio no Camiño e O comercio conta lendas. En total, participan preto dun cento de establecementos asociados e repartiranse 2.000 euros en premios en tarxetas regalo para canxear no comercio local.
Durante a visita, Gabriel Alén destacou que esta campaña é un exemplo da capacidade de innovación e dinamización dos centros comerciais abertos, que contribúen tanto a poñer en valor o tecido comercial como a revitalizar as rúas e espazos públicos. Lembrou tamén que Comercios que contan historias foi unha das iniciativas recoñecidas pola Xunta a nivel galego, cunha achega extraordinaria de preto de 20.000 euros —no marco das axudas ao labor destas entidades— polo seu carácter innovador, a creatividade das propostas e o impacto cultural e económico.
O teu comercio local é extraordinario
Esta campaña forma parte das cinco accións de dinamización comercial extraordinarias apoiadas pola Xunta dentro da iniciativa O teu comercio local é extraordinario, xunto coas impulsadas polos centros comerciais abertos de Ribadeo, Boiro, Marín e Rianxo.
Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas deste ano, na que se apoiaron un total de 54 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global de 2,3 millóns de euros. Para estas cinco propostas en concreto, o Executivo autonómico destina preto de 200.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.
As campañas teñen como obxectivo dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do comercio local como motor económico e social das vilas e cidades galegas. Con estas accións extraordinarias, a Xunta pon en valor o esforzo e a creatividade dos centros comerciais abertos, consolidándoos como pezas clave no desenvolvemento urbano e económico no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.