A Xunta avanza a intención do concello de Ferrol de solicitar a colaboración autonómica para o desenvolvemento de medidas de control do xabaril

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, trasladou esta nova ao presidente da AVV de Canido, Roberto Taboada, durante unha reunión mantida esta mañá na Delegación

O Goberno galego encargarase da instalación, cebado, revisión e seguimento das gaiolas-trampa mentres que a Administración local sería a encargada de determinar a localización destes dispositivos

Ferrol, 6 de outubro de 2025

 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta mañá co presidente da AVV de Canido, Roberto Taboada, quen lle trasladou a súa preocupación ante o aumento das incursións de xabarís no barrio. Durante o encontro, Aneiros avanzou a intención do Concello de Ferrol de iniciar os trámites para solicitar a colaboración da Xunta para o desenvolvemento de medidas de control desta especie na cidade a través da instalación de gaiolas-trampa.

A representante do Goberno galego lembrou que a Xunta non ten competencias nas áreas urbanas e periurbanas como é o caso do barrio de Canido e que son as Administracións locais as responsables do mantemento e xestión destas zonas.

En todo caso, e no marco da liña de colaboración que a Xunta vén mantendo coas entidades locais en relación á xestión do xabaril, Aneiros indicou que, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten habilitado un procedemento de actuación pensado para poder intervir nas cidades ou en concellos das áreas metropolitanas afectados polas incursións deste tipo de animais salvaxes.

A medida á que o Concello de Ferrol ten previsto adherirse consiste na instalación de gaiolas-trampa en puntos concretos localizados en zonas urbanas e periurbanas que adoitan frecuentar estes animais.

Mediante este procedemento de colaboración a Xunta prestará apoio técnico aos concellos, asumindo os gastos de adquisición, transporte e instalación das gaiolas e outorgando as correspondentes autorizacións. Pola súa banda, os Concellos, como máximos coñecedores do seu territorio, determinarán a localización máis idónea para as trampas e encargaranse da xestión completa dos animais capturados por esta vía, incluídos os gastos derivados. Ademais deberán cumprir cos deberes necesarios para a obtención das correspondentes autorizacións por parte da Xunta.

A delegada territorial sinalou que os Concellos adheridos tamén se comprometen a executar acción encamiñadas a reducir as condicións de refuxio e encame que moitas veces atopan estes animais en aqueles terreos competencia da administración local.

Dende a posta en marcha desta colaboración e segundo os datos provisionais da Consellería, téñense capturado preto dun centenar de exemplares nos concellos de Sada, Oleiros, Arteixo, A Coruña e O Grove.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2025