A Xunta destaca a colaboración co Clúster de enerxías renovables de Galicia para impulsar formación especializada e consolidar este sector estratéxico

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, clausurou esta tarde o acto de entrega de diplomas dos últimos cursos promovidos por Cluergal co apoio do Goberno galego, enmarcado no ‘Enerforum 2025’

Destacou que o acordo coa entidade posibilitou que máis de 1.230 persoas se formasen entre o ano pasado e este en eidos como as enerxías do mar, a eólica ou a solar térmica

Tamén que Cluergal foi un dos clústeres participantes nas feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai o pasado marzo co obxectivo de captar talento do exterior para cubrir vacantes ao abeiro do programa Retorna Cualifica Emprego

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, clausurou esta tarde o acto de entrega de diplomas dos últimos cursos promovidos polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) e apoiados pola Xunta, celebrado no marco do 4º Foro de formación e emprego no sector enerxético Enerforum 2025. Alí, destacou que o convenio asinado coa entidade para desenvolver formacións específicas e de curta duración deseñadas polo propio Cluergal posibilitou entre o ano pasado e este beneficiar máis de 1.230 persoas, tanto ocupadas como desempregadas, en áreas clave como a eficiencia enerxética, as enerxías do mar, eólica ou solar térmica, ou o mantemento de vehículos híbricos e eléctricos.

A directora xeral puxo de relevo que a iniciativa que supuxo acordos con outros clústeres e asociacións supuxo, na súa última edición, un investimento superior aos 7,5 millóns de euros para a posta en marcha de máis de medio cento de accións formativas. O obxectivo é avanzar na flexibilización da formación para o emprego co obxectivo de dar resposta ás necesidades das empresas galegas e reforzar as competencias da poboación activa.

Estas medidas reforzaranse, segundo sinalou, co futuro decreto de microcredenciais para o traballo que permitirá consolidar este modelo formativo e compleméntase con outras xa en marcha para mellorar a conexión entre a oferta e a demanda, como a implantación da ferramenta de intelixencia artificial EMi no Servizo Público de Emprego de Galicia, que xa permitiu o perfilado competencial de máis de 76.500 persoas.

A maiores, Lado aproveitou o acto para salientar a participación de Cluergal nas feiras de emprego celebradas este ano na Arxentina e no Uruguai co obxectivo de captar talento do exterior para cubrir vacantes ao abeiro do programa Retorna Cualifica Emprego. Unhas citas celebradas o pasado mes de marzo que reuniron máis de 3.500 asistentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2025