A Xunta reclama ao concello de Lugo que deixe a confrontación e asuma a xestión do aparcamento da avenida de Breogán para a posta a disposición da cidadanía
O Goberno galego lamenta que tras poñerse en contacto onte o Concello coa Dirección Xeral de Mobilidade e amosar “boa vontade” para a recepción do parking, hoxe o alcalde, Miguel Fernández, se faga “unha foto reivindicativa” nun recinto que actualmente aínda é de titularidade da Xunta
O Goberno galego xa informara o pasado xuño por carta ao rexedor, que a execución do aparcamento rematara en outubro do ano pasado e que entre abril e maio deste exercicio se levaran a cabo tamén as actuacións de drenaxe que reclamaba o Concello, a retirada de pedras ou a instalación de topes
A comezos deste mes desbrozouse a contorna, estase a mellorar a plantación de céspede e están programadas novas cortas e a plantación de novos exemplares
O proxecto supuxo un investimento da Xunta de case 1,2M€ para dotar de 148 prazas á cidadanía, 14 delas para persoas con mobilidade reducida
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025
A Xunta insiste ao Concello de Lugo para que abandone a permanente confrontación e asuma a titularidade do aparcadoiro da Avenida de Breogán executado no seu termo municipal e, polo tanto, a súa explotación, mantemento e conservación coa finalidade de abrilo e poñelo a disposición da cidadanía. Nesta liña, critica que, un día despois de que o Concello contactase coa Dirección Xeral de Mobilidade, amosando a “boa vontade” para a recepción do aparcadoiro, o alcalde, Miguel Fernández accedese hoxe ao recinto, que actualmente aínda é de titularidade do Goberno galego e está pechado e vallado, para “facerse unha foto reivindicativa” sobre o estado das zonas verdes e a zona de drenaxe, que o Goberno galego xa solventou.
Cómpre lembrar que a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, remitiu unha carta o pasado xuño ao alcalde, Miguel Fernández, informando da finalización e estado das obras de drenaxe demandadas polo Concello e executadas entre abril e maio para corrixir as augas de escorrentía coa implantación dunha obra de drenaxe transversal na rúa Monte Pena Rubia. A pesar de que se trataba dun problema preexistente ao aparcamento, e en aras de avanzar na problemática, leváronse a cabo estas reformas. Ademais, e tamén a solicitude municipal, retiráronse algunhas pedras das zonas verdes, mellorouse a hidrosementeira nalgunhas zonas e instaláronse topes nas prazas de aparcamento co fin de que as rodas dos vehículos non entrasen dentro das medianas verdes.
Por outra parte, tras a resposta do concello reclamando de novo unha serie de modificacións no aparcadoiro, entre os días 1 e 3 de outubro realizáronse traballos de desbroce, estase a mellorar a plantación de céspede nalgúns puntos deteriorados polo paso do tempo, e están programadas novas cortas nos vindeiros días. Ademais, prevese en novembro, cando sexa posible polas condicións climáticas, a plantación de novos exemplares de azaleas, fresnos e bétulas.
A Xunta destinou un investimento de case 1,2 millóns de euros na construción do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán, financiado pola UE ao abeiro dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este espazo, cuxas obras remataron en outubro do ano pasado, permitirá dotar ao barrio da Residencia de 148 novas prazas para estacionar, 14 delas para persoas con mobilidade reducida.
O impulso dos aparcamentos disuasorios como o da Avenida de Breogán forma parte do compromiso da Xunta coa mobilidade sostible, xunto con outras medidas como as sendas peonís e ciclistas ou a mellora da accesibilidade e da conectividade nas paradas de autobús, no marco da Estratexia Galega de Mobilidade.