Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta por dar máis oportunidades á mocidade de Redondela a través da ampliación do IES Pedro Floriani por 2 M€
O conselleiro de Educación supervisa o resultado da obra, que se suma á implantación do Bacharelato de Artes en 2022 neste centro
Construíronse dous edificios novos, que se intercalan entre os xa existentes, para incrementar a súa superficie en máis de 700 m² e renováronse as cubertas
Redondela (Pontevedra), 9 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de ampliación do Instituto Pedro Floriani, de Redondela, onde a Xunta investiu case 2 M€. Tal e como explicou, o obxectivo da actuación foi o de dotar o centro de máis espazos e servizos para reforzar a oferta de FP mediante a creación de novas aulas polivalentes para unhas ensinanzas nas que este curso a matrícula aumentou no centro nun 9 %.
Esta actuación súmase ás melloras realizadas en 2022 para adaptar espazos no Pedro Floriani despois de que a Xunta autorizase a implantación do Bacharelato de Artes no instituto, dando así resposta á demanda da comunidade educativa de Redondela. “En definitiva, coa ampliación do centro reforzamos a nosa aposta por dar máis oportunidades á mocidade redondelá para completar a súa formación no seu propio concello”, destacou o conselleiro.
Detalle da ampliación
No que atinxe á ampliación, que incrementou a superficie do centro en máis de 700 m², executouse fundamentalmente creando dous novos edificios que se intercalan entre os que compoñían ata o momento o instituto, xerando así unha construción conxunta. Deste xeito, todos os espazos do centro quedan unidos agora entre si, agás o edificio E, destinado a pista deportiva e vestiarios, e o F, que alberga un transformador.
Dos dous novos volumes, o de maior tamaño sitúase entre os edificios A, que acolle as aulas de ESO, Bacharelato e FP, e o C e consta de dúas plantas, cunha superficie total de preto de 600 m². No andar baixo sitúanse un departamento, unha aula polivalente, dous cuartos de instalacións (telecomunicacións e electricidade), un almacén, vestiarios para persoal non docente, almacén de limpeza, dous aseos (un deles adaptado), ademais de zonas de servizos. O primeiro andar conta cun segundo departamento, tres aulas polivalentes e dous aseos, un deles adaptados.
A unión deste módulo co edificio A supuxo a reconstrución dos aseos de profesores (demolidos para a conexión con esta ampliación) e a creación unha sala de reunións. Pola parte posterior segue unido ao edificio B, destinado a salón de actos e aula de música.
O segundo volume de nova creación conecta polo interior os edificios C e D. Dispón só de planta baixa e conta cunha superficie construída de 77,73 m², que se destina a aula polivalente. A maiores, reorganizouse o edificio C (que acolle a aula de tecnoloxía) para dotalo de máis espazo de almacenaxe. No edificio D, destinado a FP, actuouse na cuberta.
A ampliación acometida polo Goberno galego neste instituto de Redondela completouse coa substitución das cubertas do centro por unhas novas de chapa, empregando a mesma solución e acabado en todas elas co fin de conseguir unha imaxe uniforme.
Investimento de máis de 3,3 M€
O titular do departamento educativo da Xunta salientou que esta obra se enmarca no compromiso do Goberno galego cos centros de ensino desta localidade pontevedresa ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, no marco do que se levan investidos máis de 3,3 M€ en colexios e institutos de Redondela
Neste sentido, lembrou que a finais de 2023 comprometeu tanto as obras de ampliación do Pedro Floriani como a instalación de caldeira de biomasa no IES Mendiño (242.000 €) e o cambio de fiestras do Colexio Plurilingüe de Reboreda (310.000 €). “Todas estas actuacións están hoxe rematadas”, afirmou.
Así mesmo, a Consellería de Educación tamén acometeu o cambio de fiestras do CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas (375.000 €) e a cuberta da pista do CEIP Plurilingüe de Cedeira (124.000 €), así como varias obras de pequena e mediana envergadura.