O delegado territorial da Xunta en Ourense participa na presentación do ‘16º Salón do automóbil’
Manuel Pardo explicou que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense a fin de semana do 17 ao 19 de outubro co ’Salón do Vehículo Novo’, e dende o 22 ao 24 de novembro co ‘Salón do Vehículo de Ocasión’
Está organizado de forma conxunta entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, (ACAUTO), que son os que concorrerán como expositores
O delegado territorial destacou tamén o carácter solidario do evento; este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade fixa por cada vehículo vendido
Manuel Pardo lembrou a figura de Ramón Seijas Pérez, presidente de ACAUTO falecido hai uns meses e principal impulsor deste evento
Ourense, 13 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación do ‘16º Salón do Automóbil’ que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense a fin de semana do 17 ao 19 de outubro co ’Salón do Vehículo Novo’, e dende o 22 ao 24 de novembro co ‘Salón do Vehículo de Ocasión’.
O delegado territorial explicou que se trata de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, (ACAUTO), que son os que concorrerán como expositores. Non quixo pasar a ocasión o delegado para lembrar a figura de Ramón Seijas Pérez, presidente de ACAUTO falecido hai uns meses e principal impulsor deste evento.
Manuel Pardo salientou que todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2026. En total, participarán 15 empresas representando a 27 marcas que presentarán unha vintena de modelos novos. As marcas representadas son: AUDI, BMW, BYD, CITROËN, CUPRA, DACIA, EBRO, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, LEAP MOTOR, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OMODA-JAECOO, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO.
Para o delegado territorial o obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.
O representante do Goberno galego destacou tamén o carácter solidario do evento; este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade fixa por cada vehículo vendido que será achegada por ACAUTO. Dende que se realiza esta acción que comezou no 2016, xa se teñen achegados máis de 50.000 euros.