Rueda anuncia que a Xunta autoriza o concerto social para asignar a xestión do Programa Básico os vindeiros catro anos
Asegura que o obxectivo é “dotar de estabilidade e flexibilidade” a este programa destinado a apoiar aos fogares con fillos en situación de pobreza severa
Destínanse máis de 24 M€ a tarxetas ou vales cos que estas familias poidan mercar produtos básicos de hixiene e alimentación
A conselleira de Política Social salienta que se trata dun programa con fondos europeos semellante á Tarxeta Básica que Galicia implantou “de xeito pioneiro” durante a pandemia
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello “deu luz verde ao concerto social para a xestión do Programa Básico, o que permitirá dotalo de estabilidade e flexibilidade”. Trátase dunha iniciativa de carácter estatal sufragada maioritariamente con fondos europeos e cuxo desenvolvemento recae nas comunidades autónomas.
Tal e como explicou o presidente, o obxectivo é “seguir reducinco a taxa de pobreza en Galicia” e manter os datos dos últimos informes que amosan que “a comunidade acadou unha importante melloría nos indicadores que miden a vulnerabilidade das familias”.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, resaltou na súa intervención a aposta da Xunta por medidas pioneiras á hora de apoiar a familias vulnerables como foi no seu momento a Tarxeta básica que recibiron “75.000 persoas durante a pandemia”. “Un modelo que non deixou indiferente e que que o Goberno central imitou o pasado ano coa posta en marcha do Programa Básico”, indicou a conselleira, quen lembrou que se trata duna axuda que tarxetas ou vales á disposión das familias con fillos “para que merquen produtos básicos de hixiene e alimentación”.
Este concerto social estará vixente durante catro anos, ata xuño 2029, cun investimento de 24,1 millóns de euros. As tarxetas moedeiro que se entregarán ás familias terán unha validez de 12 meses prorrogables e as súas contías oscilarán entre os 130 euros e os 220 euros mensuais, en función da composición da unidade familiar. Estas poderán empregarse nos establecementos colaboradores do programa.
As solicitudes de acceso a dispoñer destas tarxetas tramitarase a través dos servizos sociais dos concellos. A entidade social que resulte adxudicataria deste concerto encargarase da distribución das tarxetas, de facilitar información sobre os recursos sociais dispoñibles e de proporcionar medidas de acompañamento social ás persoas beneficiarias do programa, tales como o asesoramento sobre a xestión dun orzamento doméstico e a promoción de hábitos de alimentación saudables.
A conselleira salientou que a previsión é que “8.000 persoas se beneficien este ano” deste programa que no 2024 xestionou Cruz Vermella a través dun convenio de colaboración e durante o cal se executaron todos os fondos asignados a Galicia. A resolución das bases do concerto publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a continuación abrirase o prazo de presentación de solicitudes e posterior resolución.