Conclúe con éxito o programa piloto de vacinación intranasal para a gripe no CEIP San Tomé de Cambados

O delegado visitou o centro, acompañado polo xerente da área sanitaria, e destacou o empeño da Xunta por facilitar e fomentar a vacinación dos nenos e nenas

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés convocáronse 1.700 estudantes nados entre o 2014 e o 2022

Cambados (Pontevedra), 14 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, visitou esta mañá o CEIP San Tomé, no concello de Cambados, que é un dos participantes no programa piloto de vacinación intranasal para a gripe nas escolas.

O delegado comprobou o bo ánimo dos escolares e a axilidade coa que se desenvolveu a segunda xornada dese programa piloto que ocupa a seis centros escolares da área sanitaria entre os que se topan ademais do visitado en Cambados, o CEIP Plurilíngüe  Arealonga, en Vilagarcía de Arousa; o CPR Sagrada Familia, tamén en Vilagarcía de Arousa; o CPR Sonrisas y Lágrimas, na Illa de Arousa; o CEIP A Xunqueira II, en Pontevedra; e o EEI Concepción Crespo Rivas, tamén en Pontevedra.

Desta forma o programa convocará a 1.200 nenos e nenas no Salnés a preto de 500 en Pontevedra. En total 1.700 alumnos e alumnas nacidos entre o 2014 e o 2022.

O delegado territorial destacou o obxectivo da Xunta de acadar unha vacinación de preto do 70 % grazas a esta campaña e lembrou que “estase facendo todo o posible para facilitar e incentivar a vacinación dos nosos nenos e nenas”.

Pola súa banda, o xerente salientou que “a vacinación infantil vai moito máis alá de protexer a estes rapaces, hai que ter en conta que as escolas son un foco de transmisión e que estes nenos e nenas son, en moitos casos, os que contaxian o virus aos seus pais e avós”.

En toda Galicia serán 55 os centros que estes días participarán neste programa piloto que achega aos profesionais da enfermería ás escolas para a vacinación do seu alumnado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2025