Medio Rural destaca a calidade da pataca galega e a importancia da Limia como zona produtora de referencia
A conselleira María José Gómez visitou unha explotación de cultivo de tubérculos en Xinzo de Limia
Na véspera do Día Internacional da Muller Rural, destacou a importancia deste colectivo no agro, que personificou na titular desta explotación, e reafirmou o apoio da Xunta ao colectivo mediante iniciativas como o Estatuto da muller rural, en trámite
Xinzo de Limia (Ourense), 14 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a calidade da pataca galega en xeral e a da comarca ourensá da Limia en particular. Foi durante a súa visita a unha explotación de cultivo de tubérculos en Xinzo de Limia, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Neste acto a conselleira amosou o apoio da Xunta aos produtores e puxo en valor a condición da Limia de zona de referencia para este cultivo dentro e fóra de Galicia. Lembrou ademais que os agricultores atópanse arestora en plena colleita da pataca. Nesta liña, a titular de Medio Rural fixo fincapé na existencia da Indicación Xeográfica Pataca de Galicia, como indicativo de excelencia para unha produción moi destacada nesta área.
Asemade, incidiu, na véspera da celebración do Día Internacional da Muller Rural, na importancia do colectivo feminino no agro, que personificou na titular desta explotación. Unha muller que recibiu axudas correspondentes a plans de mellora e incorporación á actividade agraria e que xestiona unha extensión de 17 hectáreas de cultivo de pataca.
Apoio da Xunta á muller rural
Neste sentido, a conselleira reafirmou o apoio do Goberno galego á muller rural e do mar, que se concreta, entre outras iniciativas, a través dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro, así como o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia, documentos todos eles actualmente en trámite.
Gómez recordou que o Estatuto das mulleres do rural ten como principal obxectivo garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no medio rural e no sector agrogandeiro. Engadiu que este documento procura recoñecer o papel das mulleres que viven ou traballan no rural, visibiliza a súa contribución ao desenvolvemento territorial e garante o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos. Ademais, establece medidas concretas para fomentar o emprego, a formación, a conciliación, a saúde laboral e o emprendemento feminino, así como a súa participación nos espazos de decisión e representación.
A conselleira comprometeuse a seguir traballando para que cada vez as mulleres teñan un papel máis destacable, porque -salientou- “son un piar fundamental para o desenvolvemento do noso rural”.