A Xunta publica a relación de admitidos e a resolución do concurso de traslados para a provisión de prazas de médico de familia e facultativo especialista de atención primaria
Neste ciclo de adxudicación resultaron admitidos 320 profesionais, sendo provisionalmente adxudicatarios de destino 166 aspirantes
Ofértanse un total de 529 prazas, 452 para médico de familia e 77 para facultativo especialista de atención primaria
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación definitiva de admitidos e excluídos e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025, do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de médico de familia de atención primaria e facultativo especialista de atención primaria.
Este é o oitavo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, o que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e, en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.
Participan un total de 320 profesionais nestas dúas categorías de persoal estatutario sanitario, adxudicándose provisionalmente 166 destinos, o que supón unha porcentaxe de preto do 52 % sobre o total de admitidos.
Na categoría de médico de familia hai 285 admitidos, dos cales resultaron adxudicatarios 142 profesionais; mentres que na categoría de facultativo especialista de atención primaria participaron 35 profesionais, resultando 24 adxudicatarios, cunha porcentaxe de adxudicación sobre o total de persoas admitidas dun 69 %.
Do total de profesionais que acadan destino neste concurso, 104 obteñen un dos tres primeiros destinos solicitados, o que supón unha porcentaxe do 66,65 %; e 65 destes profesionais obteñen o primeiro destino solicitado neste ciclo, o que supón unha porcentaxe do 62,5 % de profesionais.
Do total de admitidos, os catro profesionais que proceden de fóra de Galicia resultan adxudicatarios de praza neste concurso de traslados.
As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais asignados, de ser o caso, están publicadas, á disposición dos interesados, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Os concursantes admitidos dispoñen dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.
As reclamacións presentadas entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolva definitivamente o concurso de traslados.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: concurso.traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.