A Xunta avanza na estratexia para reforzar as competencias lingüísticas co novo plan de lectura, escritura e acceso á información

O conselleiro de Educación destaca que se acompañará do apoio dun equipo de mentoras para coordinar, asesorar, acompañar e dar formación

A medida inclúe a introdución dun tempo diario de lectura en Educación Primaria, de entre 20 e 30 minutos, e recomendación para as outras etapas

Forma parte das iniciativas contempladas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia con accións específicas de reforzo da competencia lectora

O plan, que cada centro adaptará ás súas necesidades, ten vixencia de catro cursos escolares e está suxeito a un proceso de avaliación e mellora continua

Brión (A Coruña), 15 de outubro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe no Instituto de Brión o novo  Plan de lectura, escritura e acceso á información, unha nova iniciativa que forma parte das liñas previstas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia para o reforzo da competencia lectora, e que vai acompañada do apoio dun equipo de mentoras que se distribuirán por toda a xeografía galega para coordinar, asesorar, acompañar e dar formación neste eido.

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que o Plan de lectura, escritura e acceso á información inclúe a introdución este curso, como novidade, dun tempo mínimo de lectura diaria en Primaria, de entre 20 e 30 minutos. A maiores, tamén se recomenda dedicar un tempo específico á lectura dentro da xornada lectiva en Educación Infantil, ESO e 1º de Bacharelato.

O titular de Educación destacou que o obxectivo principal do plan é mellorar a competencia lectora e fomentar o pensamento crítico, ademais de impulsar a produción de textos escritos, promover a aprendizaxe en distintos formatos e consolidar as bibliotecas escolares como espazos de recursos clave. Nese sentido, lembrou que o último informe PISA dá a Galicia unha puntuación de 485 en competencia lectora, 11 puntos máis que a media española (474) e nove máis que a OCDE (476). Con todo, Román Rodríguez chamou a non conformarse e mellorar neste aspecto.

Tamén incidiu na importancia de que os centros educativos empreguen ferramentas de diagnose e avaliación das competencias lectora, escritora e informacional, co fin de avanzar cara a unha educación máis completa e adaptada aos retos actuais.  Ao respecto, o conselleiro subliñou que a lectura “é a base de todas as aprendizaxes e un dos piares do sistema educativo galego”. Por iso, engadiu que o novo Plan de lectura, escritura e acceso á información “pretende fortalecer o compromiso de Galicia cunha educación de calidade, moderna, participativa e que fomente o pracer de ler e escribir en todos os ámbitos da vida escolar”.

Puxo en valor, así mesmo, o papel das bibliotecas escolares nesta tarefa, recordando que Galicia é hoxe un referente estatal neste eido. Segundo os últimos datos do Ministerio, somos a comunidade con máis bibliotecas escolares en funcionamento, presentes no 98,2% dos colexios e institutos, fronte ao 82,5 % da media estatal.

Calendario progresivo

O novo plan conta cunha vixencia de catro cursos escolares, reforzará o traballo que os centros educativos galegos veñen desenvolvendo neste ámbito e estará sometido a un proceso continuo de avaliación e actualización co fin de incorporar as melloras que xurdan froito da experiencia e das recomendacións do equipo de mentores.

A Consellería facilitará aos centros un modelo para que o adapten ás súas necesidades dun xeito sinxelo. Todos os plans deberán incluír, polo menos, contexto e obxectivos en relación coa lectura, coa escritura e co uso e o tratamento da información. Ademais, no marco do proceso de redución da burocracia no ensino, estase a traballar na dixitalización da aplicación e cumprimento de obxectivos do plan.

A implantación deste plan realizarase de maneira progresiva entre os cursos 2025/26 e 2026/27. Durante o primeiro ano, os centros educativos elaborarán o seu propio plan de lectura tras unha análise inicial da súa realidade. A redacción desenvolverase ao longo do segundo e terceiro trimestre, para ser presentada ao claustro e aprobada polo Consello Escolar antes da súa posta en marcha o curso seguinte.

Variedade de formatos

A maiores da introdución do tempo diario de lectura, o plan xira arredor de tres eixes: actuacións para fomentar e desenvolver a lectura, de impulso da escritura e de desenvolvemento do uso e tratamento de información. O plan tamén aposta pola incorporación das tecnoloxías dixitais e pola diversificación dos formatos de lectura e escritura, adaptándose ás novas formas de comunicación e aprendizaxe.

Deste xeito, no primeiro dos eixes impulsaranse accións como gravación de podcasts ou vídeos con recomendacións lectoras, participación en foros literarios ou encontros con autores, ilustradores e editores. En materia de escritura, promoveranse obradoiros de creación literaria, proxectos de escritura colectiva, blogs e xornais escolares, así como actividades de oratoria e radio escolar.

No que atinxe ao terceiro eixe, centrado na alfabetización informacional e mediática, o alumnado aprenderá a empregar de forma eficaz e segura as ferramentas da biblioteca, tanto física e virtual, a localizar e citar fontes de información e a realizar lecturas críticas e selectivas que lle permitan distinguir información fiable. Promoverase tamén a educación no uso ético e responsable das redes e dos medios dixitais, coa implicación de toda a comunidade educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025