A Xunta adxudica a subministración de dúas salas de radioloxía dixital robotizadas para os hospitais de Barbanza e Cee

Esta dotación de alta tecnoloxía permitirá optimizar os procedementos de imaxe, mellorando a precisión diagnóstica

Os sistemas de radioloxía portátil dixital garantirán a realización de estudos en pacientes con mobilidade reducida

Neste aparataxe a Xunta inviste máis de 720.000 euros

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, vén de adxudicar á empresa General Electric, por un importe total de 721.160 euros, o subministro de equipamento de alta tecnoloxía con destino a hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde. En concreto, o Goberno galego merca dúas salas de RX dixitais robotizadas con suspensión de teito e dous sistemas de radioloxía portátil para os hospitais públicos comarcais de Barbanza e de Cee.

As novas salas de radioloxía dixital robotizadas permitirán optimizar os procedementos de imaxe, mellorando a precisión diagnóstica, a eficiencia na adquisición de estudos e a ergonomía para o persoal sanitario.

Pola súa parte, os sistemas de radioloxía portátil dixital garantirán a realización de estudos en pacientes con mobilidade reducida ou en áreas onde o desprazamento ao servizo de radioloxía non sexa viable.

Ambos os sistemas cumpren coa normativa vixente en materia de seguridade, calidade de  imaxe e compatibilidade cos sistemas de información dos respectivos hospitais, asegurando así unha integración eficiente na infraestrutura asistencial existente.

Data de actualización: 16/10/2025