A Xunta adxudica por 453.000 de euros a subministración de equipamento de tomografía computerizada multicorte para o hospital Novo Montecelo
O equipamento adxudicado é indispensable para obter imaxes detalladas e rápidas do corpo, cruciais para diagnosticar infartos, hemorraxias ou traumatismos internos
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025
A Xunta adxudicou á empresa Philips Ibérica, por importe de 453.750 euros, a subministración dun equipo de tomografía computerizada multicorte con destino ao Hospital Novo Montecelo para a súa utilización na Unidade de Radioloxía de Urxencias.
Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia de Pontevedra e O Salnés, mellorando a atención coa adquisición de equipamento necesario para a posta en marcha e funcionamento dos servizos sanitarios vinculados ao Plan Funcional e de Espazos do Hospital Novo Montecelo.
O equipamento adxudicado, TC Multicorte, é indispensable para obter imaxes detalladas e rápidas do corpo, cruciais para diagnosticar infartos, hemorraxias ou traumatismos internos, o que posibilita acelerar decisións críticas e mellorar a precisión diagnóstica en situacións de alto risco.