A Xunta incrementa o apoio a grupos e proxectos de investigación ata acadar os 29,7 M€ para que desenvolvan a súa actividade ata o 2029

A Consellería de Ciencia amplía con 500.000 euros a convocatoria deste ano para apoiar cinco novos proxectos, chegando a reforzar o traballo científico de 142 grupos

Esta inxección enmarcase na aposta do Goberno galego pola I+D+i, que conta con 458 grupos en activo, acadando o máximo histórico ata o de agora

Tamén impulsa o desenvolvemento de dous novos proxectos do programa Misións de especialización intelixente de Galicia, que dispón de 5,5M€ na última convocatoria

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de ampliar o orzamento da convocatoria deste ano de consolidación e estruturación de grupos e proxectos de investigación máis competitivos do sistema da I+D+i galega con 567.902,24 euros adicionais para apoiar o desenvolvemento de cinco novos proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Deste xeito, a Xunta apoia con preto de 29,7M€ a un total de 147 grupos e proxectos para o período 2025-2029.

Os investigadores apoiados están a desenvolver a súa actividade en organismos científicos públicos de investigación en Galicia. Concretamente, dous farano no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) en Santiago, outro na Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, e outros dous en centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC): no Instituto Español de Oceanografía en Vigo e na Misión Biolóxica de Galicia en Salcedo (Pontevedra). Así, súmanse aos 123 que o farán nas tres universidades públicas galegas e aos 19 que tamén desenvolverán a súa actividade noutros organismos científicos.

O obxectivo desta liña, o programa nuclear da Xunta no financiamento da I+D, é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación para desenvolver o seu labor de xeito estable. Neste sentido, o Goberno galego ten en vigor un investimento que supera os 114,8M€, o que garante que actualmente haxa 458 grupos en activo cunha actividade investigadora constante, o máximo histórico acadado ata o de agora.

Cabe salientar que os cinco novos proxectos que contan con apoio enmárcanse na modalidade C desta convocatoria, de Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente. As outras categorías son a modalidade A de Grupos de Referencia Competitiva e a modalidade B de Grupos de Potencial Crecemento.

Na modalidade C, benefícianse un total de 42 iniciativas (30 delas nas universidades e outras 12 noutras entidades investigadoras). Neste caso refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do programa Ramón y  Cajal, do Juan Rodés e do Miguel Servert, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

As axudas van destinadas ao custo de contratación de Persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información, pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e custos de matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.

Estratexia de especialización intelixente

A Consellería de Ciencia, a través da Axencia Galega de Innovación, tamén ampliou o orzamento da convocatoria de axudas para apoiar as Misións de especialización intelixente de Galicia, apoiando a dous novos proxectos. Concretamente, inxectou case 2,3M€ para os proxectos H2RCV e Lyctus. Estes dous proxectos súmanse aos dous concedidos na convocatoria (AI-VIDDA e LaZteo), que ascende a un orzamento total de 5,5M€.

Enmarcados na Estratexia de especialización intelixente de Galicia e cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027, os proxectos teñen como obxectivo desenvolver unha plataforma robotizada de trituración baseada en H2 verde (H2RCV) e degradadores de proteínas en enfermidades neurolóxicas (Lyctus).

A misión do H2RCV, no que Maquinaria Agricola Cancela é a empresa líder do proxecto, busca alcanzar un modelo industrial galego resiliente baseado no coñecemento e na tecnoloxía e orientado á descarbonización das cadeas de valor e á diversificación, circularización e sustentabilidade da matriz produtiva baseada no coñecemento e a tecnoloxía. Para iso desenvolverán unha plataforma robotizada baseada en hidróxeno verde para descarbonizar operacións de trituración e mantemento en contornas forestais e zonas verdes.

No caso de Lyctus, liderada por Aptadegrad S.L., preténdese alcanzar unha Galicia recoñecida por contar cun sistema social e económico orientado a mellorar a calidade de vida da súa cidadanía, a través do desenvolvemento de produtos, solucións, tecnoloxías e medidas adaptadas ás características e necesidades da poboación. Para iso traballarán na degradación dirixida de proteínas, un enfoque farmacéutico moi innovador xa que permite utilizar a maquinaria interna das células para eliminar proteínas patolóxicas tanto nos espazos da superficie celular como extracelular.

Data de actualización: 19/10/2025