A Xunta habilita unha nova parada de autobús no Empalme de Trasmonte, no concello de Oroso, para mellorar a conexión con Santiago e A Coruña
A parada comezará a funcionar a partir do próximo luns e beneficiará ás conexións interurbanas con Santiago, Ordes e A Coruña
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
A Xunta vén de autorizar a creación dunha nova parada de autobús no Empalme de Trasmonte, no concello de Oroso, co obxectivo de mellorar a accesibilidade ao transporte público da veciñanza desta zona.
A nova parada intégrase na liña A Coruña – Ordes – Santiago, e funcionará en ambos sentidos. A súa entrada en servizo está prevista para o próximo luns, 20 de outubro.
A implantación da nova parada non aumentará o custo da concesión de transporte e responde á demanda trasladada polo Concello de Oroso, que solicitou esta mellora ante a Administración autonómica para dar resposta a unha petición reiterada da veciñanza.
A Xunta continúa así atendendo as solicitudes dos concellos e adaptando a rede de transporte público ás necesidades reais da cidadanía, no marco do Plan de Transporte Público de Galicia.
A información actualizada da localización exacta da parada así como dos servizos que paren por ela estará dispoñible en bus.gal.