Román Rodríguez anuncia para 2026 o inicio da construción do primeiro instituto do Pereiro de Aguiar
O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, explica que o proxecto básico xa está redactado e supervisado
Cun orzamento estimado de 9,5M€, é a principal actuación dos Orzamentos da Consellería de Educación para o vindeiro ano na provincia
Tamén está previsto para finais de 2025 o inicio da obra de ampliación do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey
O Pereiro de Aguiar (Ourense), 18 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe para o ano 2026 o inicio da construción do que será o primeiro instituto do Pereiro de Aguiar. Nunha visita a este concello na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou esta obra, que conta cun investimento estimado de 9,5M€, como “a principal actuación dos Orzamentos da Consellería de Educación para o vindeiro ano na provincia de Ourense”.
En concreto, detallou que o proxecto básico xa está redactado, supervisado e enviada a solicitude de licenza ao Concello. “Así as cousas, a previsión é que as obras se poidan licitar, adxudicar e iniciar dentro do ano próximo”, explicou. Aínda faltan algúns detalles por pechar no proxecto, que determinarán o investimento definitivo para construír este centro.
O conselleiro puxo en valor as contas da comunidade autónoma para o vindeiro ano, que superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000M€ e poñen o foco no reforzo dos servizos educativos públicos e gratuítos e da I+D+i. “Os Orzamentos de 2026 reafirman a aposta que a Xunta fai pola mocidade, polo futuro de Galicia e polo coñecemento como motor de desenvolvemento do país”, afirmou.
Case 400 alumnos e 4.800m²
Segundo a planificación provisional, o instituto contará con máis de 4.800m² construídos e preto de 750m² de espazos exteriores, nunha parcela cedida polo Concello de 20.000 m². Estará deseñado en base aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con espazos flexibles e multidisciplinares, e terá capacidade para 380 alumnos de ESO e Bacharelato.
Román Rodríguez destacou que este centro “vén cubrir unha demanda da veciñanza do Pereiro de Aguiar, en concreto evitar que os estudantes teñan que desprazarse a outros concellos para cursar a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato”. “Coa creación deste centro contribuímos a incrementar a proximidade do ensino educativo galego, que xa é líder en España neste eido”, salientou o conselleiro.
Tres novos centros en Galicia
O titular do departamento educativo da Xunta celebrou o dinamismo demográfico deste Concello e fixo fincapé en que o Goberno galego está a dar resposta ao incremento de demanda de prazas educativas alí onde é necesario. “No 2026 construiremos tres novos centros educativos, este instituto, o Domingo Villar de Navia, en Vigo, e o novo colexio do Milladoiro, en Ames”, lembrou.
“É dicir, imos crear en torno a 1.500 novos postos escolares nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, nun contexto de descenso demográfico pero con necesidades puntais que cómpre cubrir”, abondou o conselleiro.
O conselleiro lembrou tamén que está xa en marcha a ampliación do Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey, tamén no Pereiro de Aguiar, cun orzamento de case 2M€. A obra está en proceso de licitación, prevese adxudicar en novembro e iniciar os traballos a finais de ano. O obxectivo é incrementar a superficie do centro para dotalo de máis e mellores espazos.