A Xunta impulsa un total de 29 actuacións por máis de 4 M€ en 25 centros educativos de Ferrolterra
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta deste balance durante unha visita realizada esta mañá ao CEIP Ponte de Xuvia, en Narón
Lembrou que ademais das dúas grandes intervencións en marcha -a ampliación do CPI As Mirandas e o cambio de cuberta do CEE Terra de Ferrol- a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aproveitou as vacacións estivais para realizar outras 28 actuacións de menor envergadura
Narón (A Coruña), 20 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia impulsa este ano 29 actuacións en 25 centros educativos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, cun investimento de máis de 4 M€. Así o avanzou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita efectuada esta mañá ao CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, en Narón, onde supervisou as actuacións de adaptación de diferentes dependencias levadas a cabo este verán pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Durante a visita, Aneiros explicou que no ámbito da Delegación avánzase na execución de dúas grandes intervencións, a ampliación do CPI As Mirandas, en Ares, cun orzamento superior aos 3 M€ e tamén no cambio da cuberta do CEE Terra de Ferrol, valorada en preto de 565.000 euros. Ademais executáronse ou están pendentes de executar outras 27 actuacións de menor envergadura e pequenas reparacións incluídas no Plan de Benestar e Accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025) que, como todos os anos, intensifícanse no período estival.
Segundo explicou a delegada territorial, neste último apartado englóbanse intervencións varias como traballos pintura, pequenas reformas nas instalacións eléctricas, de fontanería ou calefacción; así como melloras nos patios, cambios puntuais de ventás ou portas, renovación de equipamento ou adaptación de espazos, entre outros.
É o caso dos traballos executados no CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, cuxo investimento ascendeu a preto de 48.400 euros, e que consistiron na adaptación das portas dos baños da zona infantil; demolición da rampla de entrada ao edificio e execución dunha nova, substitución da porta de entrada; acondicionamento á accesibilidade do aseo da planta baixa; demolición do descanso da escaleira que interrompía a continuidade do corredor e prolongación da escaleira existente, así como o reemprazo das portas de dúas aulas.
A delegada territorial defendeu a importancia de levar a caso estas actuacións de menor envergadura para o funcionamento diario dos centros educativos no marco do Plan BEN_Estar 2025 cun investimento de máis de 351.000 euros que se reparte entre colexios e institutos de 12 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.