A Xunta agradece ao Exército de Terra a cesión de material aeronáutico para o alumnado de FP de Lugo
A directora xeral de FP e o delegado da Xunta en Lugo asisten no CIFP As Mercedes á entrega de dúas turbinas e un rotor de helicóptero
Tamén visitan o alumnado do novo ciclo de Emerxencias e Protección Civil, único en Galicia
Lugo, 20 de outubro de 2025
A Xunta agradece ao Exército de Terra a cesión de material aeronáutico destinado á formación do alumnado do ciclo superior en Mantemento aeromecánico de aeronaves con motor de turbina do Centro Integrado de FP As Mercedes, de Lugo. Así o expresaron esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que participaron no acto de entrega do mencionado material para uso exclusivamente de carácter educativo por parte do subdelegado de Defensa en Lugo, coronel Juan Fernández.
Trátase, en concreto, da cesión de dúas turbinas e unha cabeza de rotor principal de helicópteros HU-10, así como ratos oscilantes, caixas de transmisión e outros elementos mecánicos de gran valor didáctico, certificados polo Goberno americano. Este material, procedente do Exército de Terra e que se logrou tras tres anos de xestións, permitirá ao alumnado traballar con compoñentes auténticos utilizados en naves militares, reforzando así a formación técnica e práctica do ciclo.
Con esta nova colaboración, o CIFP As Mercedes consolida a súa posición como referente na formación en mantemento de aeronaves, avanzando como centro de excelencia en aeromecánica, cunha formación cada vez máis conectada coas necesidades reais do sector.
Na xornada de hoxe, a directora xeral de FP e o delegado da Xunta en Lugo tamén visitaron as instalacións do novo ciclo de Emerxencias e Protección Civil no Centro de Empresas e Innovación-Nodus-Parque de Bombeiros de Lugo. Este ciclo, que arrancou por primeira vez este curso e é único en Galicia, estano cursando un total de 22 alumnos.