A Xunta alleará 18 lotes de madeira por valor de 1,1 M€ nunha poxa pública na Coruña
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria da poxa que terá lugar o vindeiro 9 de decembro
Do total de lotes que se allearán, 12 contan con certificación PEFC e 4 dispoñen da dobre certificación PEFC e FSC, que garante unha xestión forestal sostible
Os licitadores realizarán os trámites por vía telemática, a través dunha plataforma dixital habilitada para tal fin ou pola web da sede da Xunta
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras na Coruña, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta nesta provincia, na que se prevé adxudicar 18 lotes cun valor total de 1.160.455,09 euros. Cómpre destacar que 12 lotes contan con certificación PEFC e 4 dispoñen da dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados no mundo.
As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible asegura que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Os lotes suman preto de 70.000 metros cúbicos de madeira, que será vendida baixo as modalidades de alleamento a risco e ventura e a resultas de liquidación final. Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin.
Plataforma de consulta
Os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas.
Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta.
Ligazón á publicación do DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251022/AnuncioG0426-160925-0001_gl.html