María José Gómez reclamará en Bruxelas unha PAC con máis fondos específicos que asegure o futuro do rural
Así o avanzou hoxe a conselleira do Medio Rural, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto e na que reiterou o rexeitamento de Galicia á proposta da UE sobre a nova Política Agraria Común a partir de 2028
Advertiu que a nova PAC, tal e como está enfocada, supón unha redución de fondos e a perda dos dous piares, algo que afectaría negativamente ás medidas de impulso ao desenvolvemento rural, entre outras cuestións
Reclamou ao Goberno central “máis firmeza” e unha postura “contundente e coordinada” en defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros e pediulle que vete o Novo Marco Financeiro Plurianual
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
A Xunta reclamará de novo en Bruxelas unha Política Agraria Común ben dotada, con financiamento suficiente e con fondos específicos e diferenciados, como ata o de agora, que permitan apoiar a renda dos agricultores e gandeiros, por un lado, e garantir o impulso ao desenvolvemento rural e afianzar as medidas de remuda xeracional, por outro.
Así o avanzou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto e na que reiterou o rexeitamento de Galicia á proposta da UE para a vindeira PAC a partir de 2028. Este rexeitamento fundaméntase polo centralismo desta nova política, cunha arquitectura baseada nun fondo único para os estados membros que resulta lesiva para a nosa comunidade e que non blinda todas as medidas que actualmente contempla a PAC.
Gómez explicou que este rexeitamento aséntase ademais no recorte de fondos que supón, de ata un 20 % con respecto á PAC actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Lembrou así mesmo que esta postura contraria á nova PAC, na que coinciden Xunta e sector, xa lle foi trasladada ao Goberno central en varias ocasións e por iso onte mesmo, en Conferencia Sectorial, volveu reclamar ao ministro Planas que defenda os intereses dos agricultores e gandeiros en Bruxelas.
Asemade, a conselleira reclamou ao Goberno central un compromiso máis firme nesta cuestión, “con cifras claras, salvagardas para Galicia e políticas que aseguren a remuda xeracional e a cohesión rural”. Criticou a falta de información por parte do Executivo do Estado respecto ás negociacións nas que está participando nas instancias europeas e que non achegue máis información ás comunidades autónomas. Pediu, en consecuencia, unha posición “contundente e coordinada ao respecto” e que se vete desde o Goberno estatal ese Novo Marco Financeiro Plurianual.