A Xunta anima a participar na campaña ‘Merca no teu Comercio’, que aposta polos negocios locais de Lugo

Os consumidores que compren nos establecementos de proximidade da capital ata o 30 de outubro optan a premios, como medida para impulsar o sector

Lugo, 23 de outubro de 2025

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, animou hoxe aos consumidores a participar na campaña Merca no teu Comercio, que se desenvolve na cidade ata o 30 de outubro para incentivar as vendas nos negocios de proximidade. As Federacións de Comercio galega e lucense promoven a iniciativa co apoio da Xunta.

Arias e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, visitaron tres establecementos da capital -Bicos de Mami, Lencería Lis e Óptica De la Torre- para promocionar este programa, que busca incentivar o consumo local, premiar a fidelidade dos clientes e resaltar o valor dos pequenos negocios.

A campaña repartirá 1.000 euros en premios entre os compradores. Estarán distribuídos en 20 tarxetas regalo de 50 euros, que terán que empregarse para volver a mercar nos establecementos de proximidade do municipio ata o 31 de decembro.

O sorteo das tarxetas realizarase o vindeiro 31 de outubro. Para optar aos premios hai que rexistrar a compra na páxina web da campaña, onde se poden consultar todos os detalles e a información sobre o programa.

Arias destacou o impacto positivo que teñen este tipo de accións no pequeno comercio, “que é fonte de vida para os barrios, dinamiza a economía e xera emprego a nivel local”, resaltou.

Explicou que a Xunta impulsa o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con 320 millóns de euros e que contempla 74 accións dirixidas a mellorar a competitividade do sector.

O plan, dirixido a comerciantes, asociacións, federacións, centros comerciais abertos, prazas de abastos, tecido artesán e administracións, presta especial atención á remuda xeracional e ao apoio ao emprendemento. Así mesmo, mantén medidas consolidadas como os bonos Activa Comercio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2025