Belén do Campo participa na inauguración do novo espazo comercial reformado de Marineda City coa incorporación de 30 novos establecementos

A delegada da Xunta na Coruña lembrou que o Goberno galego conta  cun novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros, para modernizar, dixitalizar e facer máis competitivo o tecido comercial galego

A Coruña, 23 de outubro de 2025

A delegada territorial  da Xunta, Belén do Campo, participou, esta tarde, no acto de inauguración da reforma e ampliación de Marineda City, un proxecto que cualificou como “un símbolo de dinamismo, de confianza e de futuro para A Coruña e para toda Galicia”.

A representante autonómica destacou que esta actuación, na que se investiron 41 millóns de euros, suporá a creación de máis de 800 empregos directos e indirectos e a incorporación de máis de 30 novos establecementos, consolidando Marineda City como “un referente comercial e turístico do noroeste peninsular”.

Belén do Campo felicitou á empresa Merlin Properties pola súa “aposta decidida por Galicia, pola calidade do traballo realizado e pola visión de facer de Marineda City un espazo máis aberto, máis sostible e máis humano”. Engadiu que proxectos como este “demostran o compromiso das empresas coa modernización e o crecemento económico da comunidade”.

Plan estratéxico

A delegada subliñou que a inauguración deste novo espazo coincide cun momento de transformación profunda do sector comercial, e lembrou que o Goberno galego conta cunha folla de ruta clara para afrontar este cambio: o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros.

Este plan inclúe máis de 70 accións concretas para modernizar, dixitalizar e facer máis competitivo o tecido comercial galego, e foi elaborado coa participación de máis de 300 entidades e profesionais do sector.

“O obxectivo —indicou— é que o comercio galego, tanto o pequeno establecemento de proximidade como os negocios dos centros comerciais, sexan espazos vivos, modernos e atractivos, xeradores de emprego de calidade e motores de cohesión territorial”.

Belén do Campo destacou tamén o éxito de programas como os Bonos Activa Comercio que, na edición de 2025, mobilizaron 8,5 millóns de euros en vendas cun investimento da Xunta de 2,5 millóns de euros, e anunciou que “haberá unha nova convocatoria antes de que remate o ano”.

Tamén puxo en valor o Bono Peixe, unha iniciativa pioneira destinada a dinamizar o consumo de produtos do mar, que beneficiou a 146.000 persoas, xerando case 11 millóns de euros en vendas e contando con 750 establecementos adheridos, dos cales 290 pertencen á provincia da Coruña.

Aposta pola remuda xeracional e a innovación

No marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia, a Xunta tamén aposta pola formación continua, a remuda xeracional e o emprendemento xuvenil.

Entre as medidas previstas, a delegada mencionou as bolsas para aprendices do programa “Aprender da tradición”, dotadas con 1 millón de euros en 2026, destinadas a preservar os oficios e o coñecemento artesanal; así como o fortalecemento da Rede de Polos de Emprendemento, que facilita o traspaso de negocios e ofrece asesoramento a novos proxectos.

Ademais, lembrou a campaña “Localízate”, dirixida ao alumnado de ESO e FP, que busca fomentar a vinculación da mocidade co comercio de proximidade e a importancia de consumir de forma responsable.

Compromiso co desenvolvemento económico e social

Belén do Campo concluíu salientando que o comercio galego é máis ca unha actividade económica: é un espazo de encontro, servizo e identidade. Asegurou que a Xunta de Galicia seguirá acompañando iniciativas que “contribúen a xerar emprego, atraer investimento e facer máis forte o tecido económico galego”.

“Cada novo establecemento, cada empresa que se instala e cada emprego que se crea é un paso máis cara á Galicia que queremos: unha Galicia próspera, sostible e con futuro”, afirmou a representante do Goberno autonómico, quen agradeceu a todas as persoas e entidades implicadas neste proxecto “por seguir apostando por Galicia e pola Coruña como lugar para investir, innovar e crecer”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2025