A Xunta define as agrupacións forestais de xestión conxunta como unha ferramenta fundamental para avanzar no aproveitamento do monte galego
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou hoxe na mesa redonda Gobernanza e planificación e xestión forestal para a prevención das emerxencias no marco do foro de diálogo organizado por PEFC España
José Luis Chan salientou as bondades que teñen estas asociacións, dado que repercuten de xeito especialmente positivo na mellora da eficiencia económica e aumentan o acceso de recursos e subvencións
Lembrou que o Goberno autonómico conta cun orzamento bianualizado de 1,4 millóns de euros para fomentar e apoiar este tipo de asociacións
Por outra banda, destacou o importante traballo que desenvolven os montes veciñais en man común, que fan aportacións de especial relevancia para a economía e o medioambiente
Madrid, 24 de outubro de 2025
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na mesa redonda Gobernanza e planificación e xestión forestal para a prevención das emerxencias no marco do foro de diálogo Bosques do Futuro: sociedade e xestión para un territorio resiliente organizado pola Asociación Española para a Sustentabilidade Forestal PEFC España. Alí, José Luis Chan defendeu as agrupacións forestais de xestión conxunta como unha ferramenta fundamental para avanzar na ordenación e o aproveitamento do monte galego.
Neste sentido, salientou as bondades que teñen estas asociacións, dado que repercuten de xeito especialmente positivo na mellora da eficiencia económica e aumentan o acceso de recursos e subvencións. Ademais, promoven prácticas forestais máis responsables e sustentables.
Co fin de fomentar a creación e o apoio desta figura, lembrou que o Goberno autonómico convocou achegas específicas neste 2025 cun orzamento bianualizado de 1,4 millóns de euros. Seguindo esta liña, destacou que a anterior convocatoria permitiu duplicar o número de asociacións rexistradas, ata chegar ás 44 asociacións na actualidade.
Rendibilidade e xestión forestal sostible
O director xeral explicou que a finalidade destas agrupacións é promover a rendibilidade silvícola e promocionar a xestión forestal sostible; poñendo o foco na economía, o medioambiente e a sociedade. Ademais, ofrecen unha gran variedade de beneficios para os seus membros, xa que os propietarios poden acceder a asesoramento técnico especializado para mellorar as súas prácticas de xestión e aproveitamento forestal.
Ofrecen vantaxes tamén no momento de comercializar madeira de xeito conxunto, ao permitir obter mellores prezos e oportunidades de comercialización das que poderían chegar a acadarse de xeito individual. Asemade, facilitan a implementación de plans preventivos como a limpeza de biomasa forestal ou a creación de cortalumes, contribuíndo de xeito directo á prevención dos lumes forestais.
Recoñecemento dos montes veciñais en man común
Por outra banda, destacou o importante traballo que desenvolven os montes veciñais en man común, que fan aportacións de especial relevancia para a economía e o medioambiente. José Luis Chan sinalou que estas entidades actúan tamén como elementos de creación de emprego e xeración de riqueza. Ao mesmo tempo, a súa xestión repercute directamente na mellora do estado fitosanitario das masas forestais.