A Xunta impulsa en Lalín proxectos por importe de 42 M€, dos cales preto de 15 M€ están consignados nos orzamentos de 2026

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, supervisa o inicio da ampliación do Instituto Aller Ulloa, cun investimento de case 3M€ para un módulo destinado á FP

Entre as actuacións salientables do Goberno galego na capital do Deza destacan o Polígono Lalín 2000 (4,9M€), o remate do edificio Medio Rural (2,5M€), as vivendas Agro Lalín de Arriba (2,9M€) e a base de helicópteros (1,7M€) entre outros

Lalín (Pontevedra), 25 de outubro de 2025

O Goberno galego está a desenvolver diferentes proxectos en Lalín por un importe de 42M€, dos cales preto de 15M€ están consignados nos Orzamentos 2026. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que estas Contas da Xunta na capital dezá permiten blindar unha serie de actuacións que abranguen melloras no eido educativo, no industrial, no medioambiental e no rural.

Con motivo dunha visita para supervisar o inicio das obras de ampliación do Instituto Ramón Mª Aller Ulloa, unha obra incluída no Orzamento da Administración Autonómica cunha partida de case 3,3M€, debullou tamén accións doutros departamentos autonómicos como o Polígono Lalín 2000, cunha partida de 4,9M€, o remate do edificio de Medio Rural, con 2,5M€, as vivendas Agro Lalín de Arriba, con 2,9M€ en tres anualidades, a base de helicópteros, con 1,7M€, e a nova depuradora, para a que hai consignado 261.960€ no vindeiro exercicio.

Canto ao eido educativo, Román Rodríguez salientou que as contas da Xunta para 2026 inclúen unha partida de 73,6M€ para obras en centros educativos, dos que máis de máis de 3M€ “son para a ampliación do Aller Ulloa”, o que permitirá incrementar os espazos destinados aos ciclos de FP no centro, en concreto aos da familia profesional de Informática e comunicacións. “Con estes novos Orzamentos imos seguir avanzando na execución do Plan de nova arquitectura pedagóxica, ao abeiro do que estamos a modernizar as instalacións dos centros educativos e co que estamos investindo preto de 7M€ nos colexios e institutos de Lalín”, dixo.

Principais actuacións educativas no Deza

Entre as principais actuacións na capital do Deza destacou a central de biomasa do Colexio Xesús Golmar (1,3M€), a rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga (661.000 €), ou a renovación de cuberta e fiestras do CEIP Plurilingüe Vicente Arias de la Maza (538.000€) e do CEIP Plurilingüe Varela Buxán (356.000€). Ademais, xa están a máis do 80% de execución as obras de reforma da instalación contra incendios do IES Laxeiro por  140.000 €.

No conxunto das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o investimento elévase a máis de 17,7M€, con obras tan importantes como a ampliación do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (3M€) e as rehabilitacións dos colexios Pérez Viondi (1M€) e de Figueroa (800.000€) na Estrada; a reforma do CEIP Plurilingüe de Agolada (611.000€), o cambio de fiestras do Colexio Plurilingüe de Rodeiro (494.000€), ou as melloras sectoriais nos colexios Nosa Señora das Dores (481.000€) e de Soutelo de Montes (294.000€) de Forcarei.

Tamén están xa rematadas as obras de cubertas e aseos no CEIP Plurilingüe de Silleda (420.000€) e no CEIP Ramón de Valenzuela (377.000€), e as de cambio de luminarias no IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (96.200€), os tres en Silleda; así como as de cambio de cubertas, fiestras e instalacións eléctrica e de fontanería no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón.

Detalle das actuacións

O novo edificio do IES Ramón MªAller Ulloa terá 2.164 m² distribuídos en tres andares. Estará dotado de aulas, talleres, laboratorio, un espazo de foro, diversos locais técnicos e un Polo Creativo, que dará servizo a todo o alumnado do instituto. Disporá de dous núcleos de comunicación verticais e un ascensor.

O volume sitúase na zona sur da parcela, conectado ao edificio actual, terá estrutura de formigón con acabado exterior en sistema de illamento térmico SATE e cuberta inclinada de panel sándwich.

O programa da intervención inclúe tamén melloras puntuais nas edificacións existentes, como a apertura de xanelas na cafetería para dotala de iluminación e ventilación natural e o acondicionamento dun almacén, entre outras.

As obras contan cun prazo de execución de 12 meses, polo que a previsión é que as novas instalacións estean rematadas en outubro de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2025