Medio Rural reúnese co sector gandeiro para explicar as novas medidas preventivas fronte á dermatose nodular contaxiosa

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo unha xuntanza con representantes de ADSG, veterinarios oficiais, organizacións agrarias e asociacións, entre outros, para transmitir toda a información da enfermidade, pedir responsabilidade e facer un chamamento á tranquilidade

José Balseiros lembrou que se lle está pedindo ao Ministerio de Agricultura máis coordinación a nivel estatal, liderar unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e indemnizacións “contundentes” no caso de declararse algún foco

Polo de agora non hai ningún caso desta doenza en Galicia, que en todo caso non se transmite nin afecta ás persoas

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con representantes do sector gandeiro, ADSG, veterinarios oficiais, organizacións agrarias e asociacións, ente outros colectivos, para transmitir toda a información actualizada da dermatose nodular contaxiosa (DNC), pedir responsabilidade ao sector e, ao mesmo tempo, facer un chamamento á tranquilidade.

José Balseiros lembrou que polo de agora non hai constancia de ningún caso en Galicia e que se trata dunha doenza que non afecta nin se transmite ás persoas. Explicou que dende hoxe, tal e como recolle o Diario Oficial Galicia (DOG), están suspendidas todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia durante os próximos 21 días, unha medida que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.

Prohíbese tamén a entrada na comunidade de animais procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á DNC. A maiores, os bovinos que cheguen a Galicia con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.

O director xeral lembrou que segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos con destino á vida procedentes de fóra de Galicia. Nas granxas que se incorporen estes animais quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante este mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Ademais, é obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na granxa á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos.

Medidas urxentes solicitadas ao Ministerio

José Balseiros tamén lembrou que dende a Consellería do Medio Rural se lle ten pedido ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis coordinación a nivel estatal co obxectivo de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro.

Seguindo esta liña, solicitarase ao Goberno central que lidere no marco da Unión Europea unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva. No caso de declararse algún foco, o que se pide son indemnizacións “contundentes”, que os sacrificios poidan realizarse en matadoiro e non nas explotacións, así como que se poida comercializar a carne de animais sacrificados non positivos.

A dermatose nodular contaxiosa

Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores. Pódese consultar máis información na páxina web: Dermatose Nodular Contaxiosa | Portal da Consellería do Medio Rural.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona en Cataluña, e que ten continuado ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa comunidade, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia.

A fin de previr a súa entrada en Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha no verán unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.

Data de actualización: 27/10/2025