O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá a nova sede á que a Xunta contribuíu cunha achega de máis de 300.000 euros
Manuel Pardo pon en valor o labor de Down Ourense a prol da plena integración
O delegado territorial subliñou que no ano 2026 o Orzamento da Xunta volve incrementar o apoio á discapacidade, un 8,5% máis que o ano anterior, á que se destinan máis de 191 M€
Manuel Pardo reiterou que a Xunta de Galicia segue sendo a súa gran aliada na loita para dar visibilidade aos dereitos das persoas con discapacidade
O representante do Goberno galego destacou que a Xunta mantén unha rede de colaboración estable con entidades como Down Galicia, á que presta apoio económico e institucional para desenvolver programas que promoven a calidade de vida, a autonomía persoal, a inclusión social e laboral e a igualdade de oportunidades
Ourense, 30 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a nova sede de Down Ourense para coñecer de primeira man o funcionamento e as actividades que se están a desenvolver no centro dende a súa recente inauguración, á que a Xunta contribuíu cunha achega de máis de 300.000 euros
O delegado territorial salientou que a Xunta de Galicia sempre vai ter a man tendida e esta entidade social de referencia en toda a provincia para que as persoas con Síndrome de Down estean presentes en todos os ámbitos da nosa sociedade; “para que conten con profesionais da atención temperá ó seu carón; para garantir a súa inclusión educativa e unha formación adaptada e para fomentar o seu acceso ao emprego e a súa inclusión sociolaboral”; ditaminou o delegado territorial.
Nese senso, Manuel Pardo subliñou que no ano 2026 o Orzamento da Xunta volve incrementar o apoio á discapacidade, un 8,5% máis que o ano anterior, á que se destinan máis de 191 M€. Fondos que permitirán seguir impulsando servizos fundamentais e recursos de atención para as persoas con discapacidade, cos que se reforce o apoio ao tecido asociativo.
“Quero mandarlle unha mensaxe ás familias de Ourense para que saiban que a Administración autonómica está ao seu carón”, manifestou o representante do Goberno galego, e reiterou que a Xunta de Galicia segue sendo a súa gran aliada na loita para dar visibilidade aos dereitos das persoas con discapacidade.
O delegado territorial destacou que a Xunta mantén unha rede de colaboración estable con entidades como Down Galicia, á que presta apoio económico e institucional para desenvolver programas que promoven a calidade de vida, a autonomía persoal, a inclusión social e laboral e a igualdade de oportunidades das persoas con síndrome de Down.
Tralo percorrido, o delegado territorial manifestou que as administracións públicas deben colaborar e “aproveitar as oportunidades” de axudar, así como “acompañar” e responder aos impulsos que proveñen das entidades, dando así “contido” á palabra “inclusión”; anque lembrou tamén que é moito o traballo que aínda queda por facer.
Manuel Pardo non deixou a ocasión de felicitar aos reponsables, educadores e titores do centro “polo traballo incesante a prol dun futuro máis igualitario”; e recordou, nese sentido a apertura este ano do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense.
A nova sede
O delegado territorial remarcou o labor desta entidade que, dende o seu nacemento hai máis de 20 anos, conta cunha actividade consagrada á atención ás persoas coa Síndrome de Down e con discapacidade intelectual desde as etapas infantís á idade adulta, acompañándoos cara unha maior independencia persoal e integración social e profesional.
Estas novas instalacións contan cun espazo de máis de 800m2 repartidos en dúas plantas, con capacidade para atender a preto de 150 usuarios. O novo emprazamento nace ante o aumento de beneficiarios da entidade, que se incrementou nos últimos anos e que requiría unha expansión para atender as súas necesidades. Deste xeito, o novo edificio conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a ONCE e o Concello de Ourense, ademais de contribucións propias de Down Ourense.
 
										 
										