A Xunta destaca o potencial do sector agroalimentario lucense para xerar proxectos innovadores ligados á economía verde

O delegado territorial, Javier Arias, participou nun foro promovido polo club empresarial Nordés para analizar os desafíos e oportunidades neste ámbito

Lugo, 30 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Lugo na apertura da xornada sobre economía verde promovida polo club empresarial Nordés, co foco posto nos desafíos e oportunidades do sector agroalimentario.

Arias defendeu que a provincia lucense “destaca pola súa capacidade para xerar proxectos ligados á economía verde, á biotecnoloxía e á transformación” neste ámbito,  “demostrando que é posible crecer mantendo o equilibrio entre desenvolvemento económico e respecto polo territorio”.

O delegado resaltou a aposta do Goberno galego por impulsar a modernización e o liderado tecnolóxico nun sector que achega arredor do 6,4 % do PIB galego, emprega a máis de 100.000 persoas - especialmente no medio rural - e que acadou en 2024 un volume de exportacións superior aos 4.000 millóns de euros.

Tamén apuntou algunha das liñas estratéxicas coas que a Xunta está a impulsar a innovación no eido agroalimentario galego, como a Business Factory Food (BFFood), a  primeira aceleradora de Galicia especializada na industria da alimentación, que ten prestado apoio a varios proxectos innovadores de firmas lucenses.

Implementar de forma efectiva as políticas públicas

Arias destacou a importancia deste tipo de encontros -como é tamén a iniciativa Conecta Lugo, promovida conxuntamente pola Xunta e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL)- “que favorecen o intercambio de ideas e experiencias que contribúen a implementar de forma máis efectiva as políticas públicas”.

Tamén expresou a súa preocupación “porque a iniciativa privada desista de investir na provincia se cunde a idea de que se bloquean os proxectos”. Así, referiuse á recente renuncia do Grupo Lence a construír unha planta no Ceao ou á decisión do Goberno central de deixar a Lugo fóra dos plans de mellora da rede eléctrica, “o que afecta non só a un proxecto, senón que frea calquera iniciativa industrial no noso territorio”.

Nese mesmo contexto, referiuse “ao bloqueo xudicial sistemático aos proxectos eólicos en Galicia”, con sentenzas “que seguen a paralizar o desenvolvemento das enerxías limpas e verdes na comunidade, algo que dana tanto o medio ambiente como á economía galega”, a pesares de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) avala a tramitación ambiental dos parques feita na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2025