A Xunta destaca o potencial do sector biotecnolóxico galego como motor de transformación e innovación

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na clausura da XI edición dos BioInvestor Days, organizada por Bioga e o EDIH DATAlife en colaboración co Consorcio da Zona Franca no marco do proxecto europeo IBEROBIO

Salienta que Galicia conta con máis de 150 empresas biotecnolóxicas, unha facturación que supera os 1.000 millóns de euros e 4.000 empregos directos, o que consolida o liderado do sector na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal

Subliña a importancia da cooperación público-privada e da atracción de investimento para seguir fortalecendo un ecosistema innovador e sostible nas ciencias da vida

Vigo, 30 de outubro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na clausura da XI edición dos BioInvestor Days, un encontro que se ten consolidado como o principal foro de investimento biotecnolóxico de Galicia e un dos máis destacados do panorama estatal. O evento, organizado por Bioga e o EDIH DATAlife coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo, celebrouse no marco do proxecto europeo IBEROBIO, que promove a cooperación transfronteiriza en innovación e biotecnoloxía.

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que “Galicia é hoxe un territorio de innovación integral, onde o talento científico, a creatividade empresarial e a colaboración público-privada avanzan da man”. Así mesmo, lembrou que o sector biotecnolóxico galego “é unha historia de éxito colectivo”, formado por máis de 150 empresas, con máis de 4.000 empregos directos e unha facturación que supera os 1.000 millóns de euros anuais.

Neste marco, a directora subliñou o papel tractor do proxecto IBEROBIO, que ten consolidado un auténtico ecosistema ibérico de biotecnoloxía. Entre os seus resultados, citou o Mapa de Recursos Biotech Galicia–Norte de Portugal; a Plataforma Biotalent, con máis de 8.000 perfís profesionais rexistrados; o Campus Formativo IberoBio, centrado en financiamento e internacionalización; e a Plataforma de Retos e Desafíos, que impulsa a innovación aberta.

Toca Carús puxo en valor tamén o contexto innovador no que se move o sector biotech galego, lembrando que Galicia é xa a sexta rexión máis innovadora de España, con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, 229 delas startups, e un crecemento do 26 % respecto do ano anterior. Neste ecosistema, destacou o papel das Business Factories (BFAero, BFSport, BFClimaTech, BFFood ou BFAuto), de ViaGalicia, así como do Biopolo da Sionlla, en Santiago de Compostela, como eixo vertebrador da bio rexión galega.

Na súa intervención, Toca Carús destacou o papel transformador da intelixencia artificial nas ciencias da vida, sinalando que pode mellorar desde a análise de datos clínicos ata o desenvolvemento de novos fármacos e a optimización de procesos industriais. Recordou, ademais, que segundo a Fundación Cotec, as empresas que incorporan IA son un 27 % máis produtivas que as que non o fan.

A responsable do Igape puxo en valor os BioInvestor Days como punto de encontro entre innovación, financiamento e cooperación, nos que proxectos galegos presentaron as súas propostas ante fondos de investimento de primeiro nivel. Tamén subliñou que Galicia ofrece un modelo de apoio integral ás pemes biotecnolóxicas, acompañándoas desde a idea ata a consolidación e consolidándose como un territorio atractivo para o investimento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2025