Belén do Campo asiste á representación da obra ‘Escenas de la vida conyugal’ protagonizada por Ricardo Darín e Andrea Pietra
A Coruña, 30 de outubro de 2025
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde no Teatro Colón á representación da obra Escenas de la vida conyugal, protagonizada polo recoñecido actor arxentino Ricardo Darín, quen visita por primeira vez A Coruña acompañado da actriz Andrea Pietra e baixo a dirección de Norma Aleandro e co apoio da Xunta de Galicia
Belén do Campo destacou “a relevancia de que figuras de prestixio internacional como Ricardo Darín elixan escenarios galegos para as súas xiras teatrais”, e subliñou “a aposta da Xunta de Galicia por apoiar e dar visibilidade a unha programación cultural diversa e de calidade que sitúe A Coruña como un referente das artes escénicas”.
A obra, baseada no clásico do director sueco Ingmar Bergman, leva máis de 700 funcións e un millón de espectadores, converténdose nun dos grandes éxitos teatrais contemporáneos en lingua española. Escenas de la vida conyugal retrata, con humor e intensidade emocional, as distintas etapas da relación entre Juan e Mariana, unha parella que transita do amor ao divorcio, amosando as luces e sombras da vida en común.
Belén do Campo felicitou aos intérpretes e á organización pola calidade da montaxe e destacou o éxito acadado na Coruña con todas as entradas vendidas nas catro funcións desde o mércores ata o sábado.