A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitaron a antiga salgadura de punta Castiñeiras, incluída no documento

A Xunta salienta que Barbanza é a comarca con máis elementos no Catálogo de bens culturais no litoral, que contribuirá a poñer en valor o patrimonio costeiro

Ángeles Vázquez avoga por un litoral vivo e activo no que se conxugue a protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social

Lembra que este catálogo se encontra actualmente no procedemento de información pública para recibir achegas e suxestións para enriquecer o documento

José López Campos destaca que vai permitir “pór en valor o inmenso patrimonio do litoral galego e dos bens senlleiros que nos definen como pobo”

Ribeira (A Coruña), 31 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia salienta que O Barbanza é a comarca con máis elementos incluídos no Catálogo de bens de valor cultural no litoral, que contribuirá a poñer en valor o patrimonio costeiro da Comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitaron hoxe a antiga salgadura de punta Castiñeiras, en Ribeira, que é un dos bens incluídos no devandito catálogo, que reúne un total de 313 elementos no conxunto desta comarca que destacan polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural, entre outros.

De todos os inmobles inventariados nesta zona, máis do 50,5% pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais —entre os que hai faros, muíños, antigas fábricas e outros edificios de carácter industrial— polo que, segundo explicou Ángeles Vázquez, serían susceptibles de solicitar un cambio de uso respecto daquel para o que foron concibidas orixinalmente sempre que sexa compatible coa súa conservación e protección.

Ese posible cambio de uso pode contribuír ao desenvolvemento sostible da costa xa que, aínda que non se materialice en todos os casos, dáse a posibilidade para a recuperación dalgúns destes bens mediante a execución de proxectos que sexan compatibles e respecten os valores e características que lle valeron a súa catalogación. 

De feito, a conselleira avogou por un litoral “vivo e activo” no que se conxugue a protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social, que é precisamente o obxectivo da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez lembrou que este catálogo se encontra actualmente no procedemento de información pública para recibir achegas e suxestións para enriquecer o documento.

Pór en valor o inmenso patrimonio do litoral

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a creación deste catálogo porque vai permitir “pór en valor o inmenso patrimonio do litoral galego e deses elementos senlleiros que nos definen como pobo”. Neste senso, celebrou a entrada en vigor da nova Lei do litoral por “abrir moitísimas portas”. “E o primeiro candeado que abre é esta: ordenar ese gran tesouro que queremos mostrar ao mundo”, asegurou.

Así, López Campos incidiu en que o obxectivo da nova normativa é “prestixiar” a costa galega ao “favorecer novos usos e unha nova vida” a bens que estaban en desuso. “O que non podemos facer é deixalos en estado ruinoso”, argumentou ao tempo que destacou que suporá “unha nova vida e dinamización cultural e económica” da zona.

Catalogación de 1.582 bens

O Catálogo de bens de valor cultural do litoral é unha das primeiras medidas estratéxicas impulsadas pola Xunta en aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que inclúe dentro das actuacións clave para o desenvolvemento sostible da costa aquelas intervencións destinadas a poñer en valor o patrimonio cultural existente a pé de mar.

Para a súa elaboración tomouse como base un inventario realizado polo Goberno galego no ano 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salgaduras, conserveiras...) dos que se tiña unicamente información moi básica.

A partir diso, levouse a cabo un exhaustivo traballo que deu como resultado a identificación dun total de 1.582 bens, dos que 817 se localizan na provincia da Coruña; 640, na de Pontevedra, e 125, na de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2025