Román Rodríguez anuncia novas obras no Colexio Frei Luís de Granada de Sarria

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, visita o colexio

Prevese un investimento de 200.000€ para acometer o peche perimetral do patio e a renovación da cuberta da pista deportiva

Sarria (Lugo), 31 de outubro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o Colexio Frei Luís de Granada, en Sarria, para anunciar melloras no centro. En concreto, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que está previsto acometer en 2026 o peche perimetral do patio, así como renovar a cubrición da pista deportiva que se atopa neste espazo. O importe estimado da actuación é de 200.000 €.

Tal e como sinalou o conselleiro, este novo investimento enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, ao abeiro do que a Xunta está a renovar as instalacións dos centros educativos de toda Galicia, e súmase ao investimento de máis de 3 M€ realizado en obras nos centros de Sarria nos últimos anos.

“Neste mesmo colexio investimos 1,6 M€ nunha rehabilitación integral coa que reforzamos a estrutura do centro e, a maiores, melloramos a súa eficiencia enerxética, con actuacións como a aplicación de illamento térmico na fachada ou o cambio de fiestras ou luminarias”, destacou Román Rodríguez. Mais recentemente, tamén se acometeu a ampliación da biblioteca do Instituto Xograr Afonso Gómez (270.000 €).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2025