Portos de Galicia autoriza ao concello de Ortigueira para iniciar as obras de reforma do edificio de servizos sociais nun prazo de 6 meses

O Concello prevé un investimento de máis de 50.000 euros para a mellora do inmoble de titularidade portuaria que xestiona en concesión a administración local

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2025

Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería do Mar, resolveu outorgar unha prórroga ao Concello de Ortigueira para autorizar o inicio, nun prazo de 6 meses, das obras previstas pola administración local no edificio de servizos sociais, de titularidade do ente público.

A actuación solicitada polo Concello consiste na reforma interior da planta baixa do edificio situado en dominio público portuario e que xestiona a administración local a través dunha concesión administrativa. Trátase dun inmoble que acolle actividades de servizos sociais así como unha cafetería.

O Concello de Ortigueira prevé un investimento de 50.000 euros nesta actuación que permitirá mellorar a acústica do inmoble reducindo ruídos e unha redistribución dos espazos para maior confortabilidade, especialmente no vestíbulo e a zona de cafetería. Ademais melloraranse os acabados en paredes e mobiliario e decoración.

Finalmente renovarase na súa totalidade a instalación eléctrica, con contadores e circuítos independentes para a zona de cafetería e o resto do edificio. As obras deberán iniciarse antes do 18 de abril do vindeiro ano.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/11/2025