A Xunta destina 21 millóns de euros a entidades de iniciativa social para financiar programas e servizos de inclusión
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta orde de achegas que se concede a 99 entidades para desenvolver 769 actuacións
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da concesión de axudas plurianuais para o período 2025-2027 destinada ás entidades sociais para a promoción de actividades e programas de inclusión social. A Xunta destina a esta orde de achegas 21 millóns de euros, cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027, e que supón un 5,8% máis con respecto á convocatoria anterior.
A convocatoria beneficia a 99 entidades sociais que desenvolverán 769 actuacións de diferentes tipos relacionadas co funcionamento de centros de inclusión ou emerxencia social, o desenvolvemento de programas e actuacións que favorezan a integración e ao acceso ao mercado laboral de persoas inmigrantes e outras en situación ou risco de exclusión social. Así mesmo, a convocatoria potencia novamente as medidas centradas na atención ás persoas sen fogar, cunha liña de achegas para apoialas e facilitar a súa inclusión residencial.
A Xunta volve darlle carácter plurianual a esta orde para responder ás necesidades das entidades, que deste xeito dispoñen dunha maior estabilidade na súa planificación e programación, e tamén reducen a súa carga administrativa.