Belén do Campo anima aos cidadáns a participar na nova edición da campaña Activa Comercio dotada cun orzamento de 2,5 M€

Esta campaña inclúe descontos de ata 30 € coa previsión de mobilizar máis de 8,5 M€ en vendas

A delegada da Xunta animou aos interesados a aproveitar, nos próximos días, estes descontos porque a previsión é que a partida se esgote en cuestión de días como en convocatorias anteriores.

Os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da 1ª edición deste ano co obxecto de gañar en axilidade, en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras

A Coruña, 6 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, está mañá, varios comercios da rúa Barcelona da Coruña, concretamente Calzados Chiquitín, Arena Confeccións e Óptica Suárez, e para animar aos cidadáns a descargarse os bonos e participar nunha nova edición da campaña Activa Comercio que conta con 2,5 M€. O importe súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior de xuño, sumando un total de 5 M€. Neste senso, animou aos beneficiarios a aproveitar nos próximos días estes descontos porque todo indica que a partida se esgotará en cuestión de días como en convocatorias anteriores. A previsión é volver a mobilizar 8 millóns de euros no comercio de proximidade.

Segundo salientou a delegada, ás 20.00 horas do primeiro día desta edición, hai  preto de 7.300 negocios adheridos en toda Galicia, neste momento xa se uniron 600 comercios máis que na edición de xuño, e desde a súa activación descargáronse preto de 162.000 bonos e trocáronse 1,3 millóns de euros en descontos, cunha moblización de máis de 5,7 millóns euros, o que evidencia o elevado impacto da iniciativa. No caso da provincia da Coruña, hai case 2.700 comercios participantes, nos que se levaban trocado máis de 340.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 1,6 millóns de euros. Concretamente, na cidade da Coruña, hai máis de 550 comercios participantes, nos que se levaban trocado case 103.000 euros en descontos, cunha movilización total de vendas de arredor de 463.000 euros.

Belén do Campo anunciou que nos orzamentos de 2026 vólvense a destinar outros 5 millóns de euros para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local.

A delegada explicou que os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da anterior edición do mes de xuño, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo ata que se esgote o crédito.

O programa dos bonos Activa Comercio ten como finalidade impulsar as compras apoiando con descontos ás persoas consumidoras para promover o consumo nos comercios minoristas que participan na campaña.

Funcionamento do programa

Cada bono ten un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. As persoas consumidoras interesadas poden descargar estes bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e canxealos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limita o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Edicións anteriores

As edicións anteriores desta iniciativa iniciada no 2021 contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 110 millóns de euros.

A última edición, que tivo lugar en xuño deste ano, saldouse con máis de 6.700 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras, dos que a Xunta puxo a disposición —como agora— un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.

Na provincia da Coruña descargáronse, na edición anterior, 77.012 bonos, o que permitiu mobilizar case 3,5 millóns de euros con 778.210 euros utilizados a través dos bonos e 2.404 establecementos adheridos.

Ligazón á orde no DOG:  

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251104/AnuncioG0767-101025-0007_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2025