O Servizo Galego de Saúde ten en marcha un plan de mellora estrutural do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, remarca no Parlamento que o complexo hospitalario conta cun plan de continxencia de urxencias como protocolo de actuación ante situacións de maior presión asistencial
Subliña que se está a impulsar a reforma e ampliación do bloque de urxencias e novas unidades de hospitalización no marco do Plan director do hospital
Refórzase tamén o equipo de triaxe e a coordinación de fluxos
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, detallou na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, o plan de mellora estrutural do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela que se está a desenvolver.
Na súa intervención, o xerente do Servizo Galego de Saúde destacou as liñas de actuación deste plan, como o impulso da reforma e ampliación do bloque de urxencias e novas unidades de hospitalización, no marco do Plan director do hospital, que se está a revisar para aumentar a súa capacidade, mellorar a circulación interna e crear novas áreas de observación e clasificación de pacientes.
Por outra banda, para mellorar a atención en urxencias, refórzase o equipo de triaxe e a coordinación de fluxos. Outra das medidas é a mellora dos aplicativos tecnolóxicos de xestión asistencial, que permiten coñecer en cada momento o número de pacientes, tempos de espera, dispoñibilidade de camas e estado das altas hospitalarias.
José Ramón Parada salientou que a xerencia da área mantén contacto directo con representantes das asociacións de pacientes e dos profesionais. Ademais, mantivéronse reunións informativas co comité de seguridade do paciente e cos mandos intermedios de urxencias e servizo de admisión e recolléronse as súas propostas nos plans de urxencias.
“O Servizo Galego de Saúde entende que a mellora do sistema debe facerse escoitando a quen o vive en primeira persoa e ese é o espírito co que estamos a traballar”, indicou o xerente.
Sobre a atención sanitaria no verán, José Ramón Parada sinalou que o Servizo Galego de Saúde atendeu 302.000 persoas en urxencias en toda Galicia, o que supón 3.800 máis que no verán anterior.
Aínda así, segundo dixo, a sanidade pública mantivo a súa actividade ordinaria e as intervencións cirúrxicas programadas incrementáronse incluso nun 4,9 % con respecto ao verán de 2024.
Reforzos en urxencias
Nas urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, en particular, ante días puntuais do mes de agosto cun maior número de pacientes do habitual, activouse o plan de continxencia previsto para estas situacións.
“O feito de que existan picos de presión non significa que o sistema estea colapsado nin moito menos que se renuncie á calidade ou á dignidade asistencial”, aclarou o xerente do Servizo Galego de Saúde.
Explicou que cada persoa atendida en urxencias recibe unha valoración médica e de enfermería. Desta forma, o equipo sanitario organiza a súa prioridade conforme á gravidade, garantindo sempre a atención máis inmediata para os casos máis severos.
Nesta liña, o plan de continxencia ante un incremento da demanda en urxencias contempla o incremento de persoal médico e de enfermería en quendas críticas, con reforzos e reaxuste de programacións cando é necesario.
Tamén se activan camas adicionais en hospitalización cando é preciso, tanto en unidades médicas como cirúrxicas.
Establécese a derivación temporal de pacientes estabilizados a centros de apoio, como neste caso é o Hospital de Conxo.
Ademais, faise un seguimento constante da ocupación por parte da Subdirección de Procesos Asistenciais da área sanitaria para axustar os recursos necesarios en tempo real.
O xerente do Servizo Galego de Saúde rematou agradecendo aos profesionais que fan posible que Galicia siga ofrecendo unha atención sanitaria pública de calidade, universal e segura.