Martina Aneiros anima a descargar o Bono Activa Comercio co que acceder a descontos de ata 30 euros nos negocios retallistas

A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou da nova convocatoria durante unha visita a un dos establecementos adheridos, O Muíño do Fabal, en Narón

A convocatoria conta cun orzamento de 2,5 M€ e prevé mobilizar un mínimo de 8,5 M€ en vendas

Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance o orzamento da convocatoria

Narón (A Coruña), 6 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025 que se poden descargar desde o día de onte. O fixo durante unha visita a O Muíño do Fabal, en Narón, un dos negocios de Ferrolterra adheridos a esta iniciativa coa que, como lembrou, o Goberno galego pretende fomentar o consumo de cara á campaña de Nadal e favorecer a dinamización do comercio local, así como axudar economicamente ás persoas consumidoras. A Xunta destina a esta segunda convocatoria do ano un orzamento de 2,5 M€, cos que prevé mobilizar 8,5 M€ en vendas nos establecementos de proximidade galegos.

Aneiros referiu un novo éxito da convocatoria que onte, no seu primeiro día de activación, acadou os 162.000 bonos descargados en toda Galicia e case 1,3 millóns de euros en descontos. Ademais, no caso concreto das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ata o día de onte levábanse trocado arredor de 55.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 274.000 euros nos máis de 400 negocios adheridos neste territorio.

A delegada territorial destacou que, como novidade, “os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición de 2025, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, tende prazo ata o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición”.

Ao igual que en anteriores ocasións, trátase de bonos de 30 euros de desconto que poden obterse na web bonosactivacomercio.gal. Estes teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como nas últimas edicións, non haberá límite de usuarios para a descarga do bono pero, unha vez esgotado o crédito inicial de 2,5 M€, os bonos descargados xa non se poderán empregar.

Edicións anteriores

O importe desta nova edición súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición da iniciativa deste ano -que tivo lugar en xuño-, sumando un total de 5 M€. Unha cantidade que volverá a consignarse nos orzamentos do 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local.

Aneiros puxo en valor a medida “que ten demostrado a súa capacidade para activar o consumo e apoiar ao comercio retallista” e destacou os máis de 110 M€ en vendas que este programa permitiu mobilizar desde a súa posta en marcha en 2021 en toda Galicia.

A última edición do mes de xuño deste ano saldouse con máis de 6.700 comercios adheridos, preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras, dos que a Xunta puxo a disposición un crédito de 2,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2025