A Xunta promociona a calidade alimentaria da comunidade co acto 'Galicia sabe a origen'

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe nesta iniciativa impulsada polo Goberno autonómico que tivo lugar no Restaurante Bancal en Madrid

Madrid, 6 de novembro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta tarde na iniciativa Galicia sabe a origen, que ten como obxectivo destacar e promocionar a calidade dos produtos alimentarios que se elaboran na nosa comunidade entre un público profesional. O evento tivo lugar no Restaurante Bancal en Madrid, dependente da escola de cociña MOM Culinary Center.

Na iniciativa participan tres chefs galegos Héctor López do restaurante España (Lugo); Áxel Smith de Simpar (Santiago de Compostela) e Miguel Vidal de Bancal e Morgana (Madrid), ademais do cociñeiro Bruno González de Llama Inn, que reinterpretan os sabores do mar e da terra nunha demostración de cociña en directo. Durante a velada, que estará amenizada con música folk en vivo, ofrecerase tamén un cóctel elaborado con produtos galegos por estes chefs.

Martín Alemparte sinalou que se trata dunha “experiencia gastronómica única”, que rende homenaxe aos sabores máis xenuínos de Galicia. Neste sentido, destacou que se trata dunha iniciativa a través da cal seguir potenciando a calidade alimentaria galega e promocionándoa fóra de Galicia e entre perfís variados de consumidores.

Nesta acción tamén participa a Consellería do Mar mediante a presenza de peixes e mariscos frescos de tempada como a sepia, as navallas ou ourizos de mar das rías galegas e baixo o selo PescadeRías, de onde senón? Tamén contará con outros produtos do mar, como a conserva de atún, sardiña ou o mexillón certificado da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia. O obxectivo é procurar novas sinerxías na difusión e promoción das virtudes e calidades destes alimentos ante prescriptores, xornalistas especializados ou profesionais da hostalaría.

Data de actualización: 06/11/2025