Belén do Campo destaca a gran utilidade do simulacro do accidente aéreo en Alvedro para reforzar a coordinación dos servizos e organismos implicados nestas emerxencias
O exercicio recreou o accidente dun avión procedente de Barcelona que, durante a manobra de despegue, sufriu un fallo un fallo técnico nos flaps e sae de pista
A Coruña, 7 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron hoxe nun simulacro de accidente aéreo desenvolvido no aeroporto da Coruña, unha acción que tivo como obxectivo avaliar a capacidade de resposta e coordinación dos diferentes servizos e organismos implicados ante unha emerxencia aeronáutica real.
Durante o exercicio comprobouse o funcionamento dos medios humanos e materiais dispoñibles, así como a eficacia dos procedementos de emerxencia e dos plans de autoprotección do aeroporto e das entidades que intervirían nun suceso desta natureza.
O simulacro serviu tamén para poñer a activación do PLATERGA en situación 2 con carácter automático en caso de accidente dunha aeronave comercial cun número de pasaxeiros afectados significativo para automatizar o máximo posible o despacho automático de medios e recursos e coordinalo cos aspectos específicos do procedemento de activación do PLATERGA.
Co inicio do simulacro activouse o PLATERGA en situación 2, ao fronte do cal estivo o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva e se constituíu o Posto de Mando Avanzado por parte da Xunta na zona do accidente, ao fronte do cal estivo o xerente de AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias), Marcos Araujo.
Por outra banda, tratouse de estudar a forma de integración entre os órganos de mando e control do PLATERGA e a estrutura do Plan de Autoprotección do Aeroporto, de modo que se garanta a comunicación e transmisión da información, así como a asunción do mando da emerxencia en coordinación co responsable do Plan de Autoprotección.
O escenario do simulacro
O accidente simulado afectou a un voo, con destino Barcelona, cando a aeronave no despegue sofre un fallo técnico nos flaps e sae de pista. A aeronave leva 8.000 kg de combustible e ten coma ocupantes a 12 pasaxeiros e 3 tripulantes. As consecuencias para os ocupantes foron, 3 pasaxeiros ilesos e leves, 4 pasaxeiros feridos graves, 2 pasaxeiros e 1 tripulante feridos moi graves e 3 pasaxeiros e 2 tripulantes falecidos.
A aeronave ao impactar co terreo sofre graves danos estruturais, o depósito de combustible rompe e o combustible derramado provoca un incendio. O lume afecta ao motor esquerdo. A parte dianteira da fuselaxe do avión queda gravemente danada no impacto.
Ao informarse do accidente acudiron á terminal do aeroporto entre 12 e 18 familiares interesándose pola situación dos 15 ocupantes, tanto pasaxeiros coma tripulación.
Participación de múltiples organismos
No simulacro de accidente aéreo desenvolvido hoxe no Aeroporto de Alvedro participaron diversos medios e recursos das distintas administracións co obxectivo de avaliar a coordinación e capacidade de resposta ante unha emerxencia aeroportuaria.
Por parte da Xunta de Galicia tomaron parte a Policía Autonómica a través da UPA (Unidade de Policía Adscrita), Urxencias Sanitarias de Galicia-061, persoal da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior —incluíndo o director, o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil e o Servizo Provincial de Emerxencias—, así como a Axencia Galega de Emerxencias e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA).
Participaron tamén persoal e medios propios de AENA, a Garda Civil nas especialidades de Seguridade Cidadá e Tráfico, a Policía Nacional, os Bombeiros do Consorcio Provincial da Coruña dos parques de Arteixo e Betanzos, a Policía Local de Culleredo, o GIPCE do Colexio Oficial de Psicoloxía, o GIES do Colexio Oficial de Traballo Social, Cruz Vermella e a Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno.
Os figurantes do exercicio, que representaron persoas feridas e familiares das vítimas, foron estudantes do CIFP Ánxel Casal, contribuíndo a dotar de maior realismo o desenvolvemento do simulacro.
A prevención, clave na preparación ante emerxencias
A delegada da Xunta, Belén do Campo, subliñou a importancia da formación e da prevención como ferramentas fundamentais para reforzar a capacidade de resposta ante situacións de risco. Por iso, o Goberno galego promove e participa periodicamente en simulacros de emerxencia, que permiten mellorar a coordinación entre os distintos servizos.
No caso dos simulacros aeronáuticos xerais, estes deben realizarse cada dous anos, segundo o establecido no Plan de Emerxencia do aeroporto. O último exercicio deste tipo no aeroporto da Coruña tivo lugar en novembro de 2023.