Belén do Campo inaugura unhas xornadas técnicas sobre o cultivo do grelo galego como cultivo de futuro en Ordes

A delegada destacou a importancia de combinar tradición e innovación para reforzar un produto emblemático do campo galego

Ordes (A Coruña), 7 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe na inauguración das xornadas “Grelo Galego: un cultivo con futuro, tradición, innovación e territorio”, impulsadas pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No acto, agradeceu a participación e o compromiso dos dous relatores destas sesións, o doutor enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida García e o licenciado en veterinaria e técnico en calidade Antonio Fuentes Martínez, que puxeron ao servizo dos asistentes o seu coñecemento e experiencia.

Do Campo sinalou que estas xornadas representan a combinación perfecta entre “o mellor da nosa tradición e a necesidade constante de innovar”, lembrando que o grelo galego é moito máis ca un simple cultivo: é unha sinal de identidade, un produto profundamente ligado ao territorio, á cultura e á gastronomía de Galicia, especialmente presente nos meses de inverno e nas datas do Entroido.

Neste senso, apuntou que falamos dun sector composto, a inicios deste ano, por 185 produtores inscritos, acompañados por 3 almacenistas e envasadores, que xestionan unha superficie inscrita de 718 hectáreas, das cales 55 hectáreas estiveron sementadas no último ano. Isto permitiu alcanzar unha produción certificada de 135.470 kg en 2024, cun valor económico estimado de 271.000 euros.

A delegada subliñou que o compromiso da Xunta non é só preservar o valor deste produto, senón seguir impulsando o seu crecemento “con rigor, profesionalidade e visión de futuro”. Por iso, destacou a importancia destas catro sesións técnicas, que se celebran en Ordes (7 e 8 de novembro), O Rosal (14 e 15), Xinzo de Limia (21 e 22) e Abadín (28 e 29), achegando formación especializada directamente ao territorio.

Ao longo das xornadas abordarase a certificación e as vantaxes da IXP Grelos de Galicia, así como técnicas modernas de produción —rotacións, fertilización orgánica, siembra, rega e medidas para desestacionalizar o maneixo integrado de cultivos, o control de malas herbas, pragas e enfermidades e o uso responsable de fitosanitarios. Tamén se tratarán cuestións relativas ao procesado, calidade e comercialización, tanto en fresco como en conserva, a trazabilidade e os avances en materia de innovación, mecanización e sustentabilidade.

Belén do Campo puxo en valor a IXP Grelos de Galicia, que garante a calidade dun produto que non deixa de medrar e profesionalizarse. Lembrou o papel fundamental do Agacal, responsable do control e certificación en cada fase do proceso produtivo, desde as plantacións ata os almacéns e industrias, asegurando análises e unha trazabilidade completa. Ademais, referiuse á protección oficial desta indicación, recoñecida en 2009, e á creación do seu Consello Regulador, que reflicten a importancia estratéxica dun cultivo “que merece ser defendido e valorizado dentro e fóra de Galicia”.

Do Campo destacou que a Xunta continúa traballando para fortalecer as producións de calidade, modernizar as explotacións e impulsar o desenvolvemento rural así como a promoción dos produtos de calidade.

A delegada concluíu agradecendo o labor de produtores, técnicos, investigadores e profesionais que contribúen a que o grelo galego siga sendo un produto único. “Grazas ao voso esforzo, Galicia pode presumir dun sector primario forte, innovador e respectuoso coa súa historia e co seu territorio”, afirmou, animando a todos os asistentes a aproveitar estas xornadas para seguir avanzando nun futuro no que o Grelo de Galicia continúe destacando pola súa calidade, sustentabilidade e identidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025