Medio Rural reafirma o seu compromiso coa produción da Faba de Lourenzá para favorecer o seu desenvolvemento

A conselleira María José Gómez inaugurou hoxe o Foro de Valorización da Faba de Lourenzá que se está a celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo

Destacou que, con iniciativas coma esta, créase unha rede formativa para a elaboración, transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos con identidade territorial

Ribadeo (Lugo), 7 de novembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; participou no inicio do Foro de Valorización da Faba de Lourenzá que se está a celebrar hoxe e mañá no Centro de Formación e Especialización Agraria Pedro Murias de Ribadeo. Nel, reafirmou o seu apoio a esta produción que se atopa amparada por unha indicación xeográfica protexida, para favorecer o seu desenvolvemento.

A titular de Medio Rural destacou que, con iniciativas coma esta, créase unha rede formativa para a elaboración, transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos con identidade territorial, como é o caso da Faba de Lourenzá. Ademais, engadiu que ao mesmo tempo apóiase a produtores, emprendedores e profesionais do rural, ofrecéndolles formación, innovación e asesoramento. Neste sentido, puxo en valor o papel que xogan os centros de formación e investigación dependentes da Consellería, nos que se están impulsando espazos de especialización e innovación agraria para asesorar aos produtores e ampliar a súa formación.

Este foro, explicou Gómez, facilita o acceso a ideas e aprendizaxes que se poden aplicar de xeito inmediato coa mostra de casos de éxito, pero tamén con actividades que favorecen o intercambio entre distintos sectores produtos e empresariais que permitan xerar sinerxías que dean lugar a novas colaboración e proxectos comúns.

Apoios aos produtores da IXP

Ademais, a conselleira lembrou que desde o Goberno galego vénse apoiando a este sector con axudas directas. Este ano convocouse unha liña de axudas específica para os produtores da IXP Faba de Lourenzá coas que cubrir parcialmente os sobrecustos que implica producir este feixón galego con estándares de calidade superiores aos comúns, a maiores de axudar a paliar os danos provocados polas choivas intensas de primavera de 2024 que afectaron á colleita. Esta convocatoria resolveuse cun investimento de 68.000 euros.

Ademais, tamén se está a traballar en liñas de investigación e accións tanto para o fomento da IXP como para impulsar a incorporación de produtores ao distintivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025