A Xunta pon en valor o labor dos profesionais que interviron na loita contra o lume este verán
O director xeral de Emerxencias e Interior participa na Xornada Técnica para Profesionais de Prevención e Intervención de Incendios Forestais organizada pola Deputación de Ourense
Ourense, 12 de novembro de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da Xornada Técnica para Profesionais de Prevención e Intervención de Incendios Forestais, organizada pola Deputación de Ourense, e que contou tamén coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Na súa intervención, o director xeral puxo en valor o labor de todos os profesionais que participaron na loita contra os lumes deste verán, así como a importancia da coordinación para facerlle fronte a unha situación inédita en Galicia, xa que a provincia de Ourense estivo en situación 2 durante máis de medio mes.
Nesta liña, destacou a resposta coordinada que se deu no marco do Plan Especial de Protección Civil antes Incendios Forestais (PEIFOGA) e o Plan de Defensa Contra Incendios Forestais (PLADIGA) coa constitución dun centro de coordinación operativa integrado no que estiveron representados todas as administracións e grupos operativos, como son os de Intervención, sanitario, seguridade e apoio loxístico.
Para o director xeral, este traballo conxunto permitiu actuar “de xeito rápido e contundente para conter incendios de elevada complexidade e protexer as zonas habitadas con eficacia, a pesar do elevado número de lumes concorrentes e das condicións meteorolóxicas extremas”.