A conselleira de Política Social e Igualdade inaugurou os Xogos Nacionais de Fútbol Sala de Special Olympics

A Xunta destaca o papel do deporte adaptado como elemento de unión nunha sociedade comprometida coa inclusión

Fabiola García trasladou os parabéns do Executivo galego a Special Olympics por estes 25 anos de traballo facendo de Galicia un referente neste eido

Ourense, 13 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, deu a benvida aos participante nos Xogos Nacionais de Fútbol Sala de Special Olympics que se celebran en Ourense. Durante a súa intervención puxo en valor o papel do deporte adaptado como elemento de unión dunha sociedade comprometida coa inclusión e a integración das persoas con discapacidade.

Tras percorrer a cidade coa tradicional antorcha, os deportistas de 17 entidades de todo o país foron recibidos pola conselleira, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; no Pazo dos Deportes Paco Paz, no que durante catro días se celebrarán os encontros de Fútbol Sala.

A conselleira trasladou o compromiso da Xunta coa plena integración das persoas con discapacidade, para o que é fundamental – explicou- o deporte adaptado. Por iso, lembrou que para garantir a súa inclusión o Goberno galego leva anos promovendo programas e iniciativas como Xogades que fomentan estes valores desde a infancia.

Ademais, Fabiola García puxo de manifesto o papel que desenvolven as entidades sociais deste ámbito que son – lembrou- as grandes aliadas da Xunta e que co seu traballo e esforzo cada vez é máis fácil chegar a todas as familias que o precisan. Por iso, trasladou os parabéns de todo o Executivo galego a Special Olympics polos seus 25 anos de traballo facendo desta Galicia Calidade un referente do deporte adaptado e construíndo unha comunidade máis inclusiva e comprometida. Por iso, sinalou que a Xunta colabora estreitamente con esta entidade a través de diferentes convenios de colaboración de máis de 300.000 euros, así como diferentes achegas para programas con cargo ao 0,7% do IRPF.

Data de actualización: 13/11/2025