López Campos asina un convenio por valor de 83.000€ co concello de Bande para o equipamento da Reitoral

O acordo está destinado a dotar de mobiliario o edificio e á instalación dos sistemas de climatización e ventilación para o seu aproveitamento no eido do turismo cultural

Coa recuperación do espazo anexo á igrexa visigótica, o Executivo autonómico comprométese coa posta en valor deste Ben de Interese Cultural

A achega complétase con outra partida, pola mesma cantidade, por parte de Turismo de Galicia

Esta nova axuda do Goberno galego súmase aos 400.000€ destinados con anterioridade aos traballos de reforma do inmoble

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinou coa alcaldesa da localidade ourensá de Bande, Sandra Quintas, un convenio por valor de 83.000€ destinado a acometer a última fase para pór en funcionamento o proxecto de turismo cultural na Reitoral de Santa Comba de Bande, dotándoa co equipamento preciso para tal fin. O acordo chega tras a rehabilitación desta edificación anexa á igrexa visigótica do municipio na que o Goberno galego xa leva investidos con anterioridade 400.000€.

Esta achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude complétase con outra, da mesma cantidade, por parte de Turismo de Galicia, de xeito que cada un dos departamentos da Xunta aporta o 50% da partida, aprobada recentemente polo Consello, para equipar o espazo do mobiliario axeitado para desenvolver un proxecto museístico e de aproveitamento turístico. Trátase así de acondicionalo con servizos como o de cafetería e comedor, con dormitorios, zona de recepción e aseos. Esta derradeira fase, que se desenvolverá nas anualidades 2025-2026, contempla tamén a instalación dos sistemas de climatización e ventilación.

Neste senso, López Campos apuntou que con este novo investimento o  Goberno galego “involúcrase coa dinamización do territorio desde a vertente cultural e económica, facendo da Baixa Limia, onde tamén se atopan outros bens consolidados como o conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis, un polo de atracción de visitantes, á vez que se axuda a fixar poboación nas zonas rurais”.

Deste xeito, tamén lembrou que “esta segunda fase completa os traballos anteriores impulsados pola Xunta para eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a calidade da contorna do templo, poñendo en valor este Ben de Interese Cultural co obxectivo de atraer un turismo cultural e sostible”.

Posta en valor da igrexa declarada Ben de Interese Cultural

A rehabilitación e posta en funcionamento do proxecto ideado para a Reitoral de Santa Comba, un inmoble con tres séculos de historia, supón a revalorización da igrexa do mesmo nome, tamén coñecida como de San Trocado, declarada Ben de Interese Cultural e considerada a máis antiga de Galicia, ademais do primeiro edificio da provincia de Ourense declarado monumento nacional no ano 1921.

O templo visigótico é un dos mellores exemplos que se conservan da arquitectura hispanovisigoda peninsular e de aí o grande interese que ten a recuperación da Reitoral, que enxalza a notoriedade da igrexa. Na mesma, tamén con apoio do Goberno galego, xa se teñen levado a cabo outras intervencións nos últimos anos como as enfocadas en mellorar as condicións de humidade, seguindo a liña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que vela polo mantemento e conservación dos monumentos que forman parte do patrimonio de todos os galegos e galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2025