A Fundación Galtia ofrecerá un apoio inicial de ata 1 M€ aos proxectos de investigación de referencia internacional que decidan instalarse en Galicia

Este apoio da Xunta ao persoal que contrate a nova fundación permitirá financiar as liñas de traballo que se abran, os equipos ou infraestruturas que precisen

Rueda avanza que tras aprobar os últimos trámites para a constitución desta entidade, a Fundación lanzará a primeira convocatoria no primeiro semestre de 2026

Galtia, que terá un equipo de xestión mínimo e centrará os seus fondos na atracción de talento para favorecer a I+G+i, terá a súa sede no Edificio Fontán da Cidade da Cultura

O presidente resalta que “os orzamentos de 2026 xa recollen 4 M€ para o arranque” desta Fundación

O Goberno autonómico aspira a captar en cinco anos a 30 científicos de máximo prestixio mundial nas súas áreas grazas a un investimento de máis de 35 M€

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe os últimos trámites necesarios para a constitución da Fundación pública galega de atracción de talento investigador de alto nivel (Fundación Galtia) -a validación dos seus estatutos e do seu Plan plurianual de actuación- co obxetivo de “lanzar no primeiro semestre de 2026 a primeira convocatoria para captar a científicos internacionais”.

Ademais, tal e como resaltou Rueda, co fin de que os investigadores desenvolvan os seus proxectos na comunidade, a entidade ofrecerá un apoio inicial de ata 1 millón de euros que cubrirá as súas liñas de traballo, o persoal co que veñan acompañados e do que se rodeen na Comunidade, así como os laboratorios e infraestruturas que necesiten.

Rueda salientou que “os orzamentos de 2026 xa recollen os primeiros 4 millóns de euros para o arranque da Fundación Galtia”, que disporá para os seus cinco primeiros anos de funcionamento dun investimento de máis de 35 M€, cun retorno estimado de 117 M€. Ao longo dese período, ata 2030, prevé incorporar 30 investigadores de máximo prestixio, referentes nas súas áreas, que actualmente traballen fóra de Galicia. Deste xeito, a Xunta afonda na súa aposta por potenciar “a I+G+i na que Galicia xa é un referente”.

Os científicos seleccionados desenvolverán a súa actividade investigadora en centros de coñecemento galegos e contarán cun plan de carreira profesional con avaliacións periódicas e incentivos vinculados á excelencia ou ao impacto científico e cun paquete completo de acollida e acompañamento no momento que se muden a Galicia.

A Fundación Galtia terá a súa sede no Edificio Fontán, situado na Cidade da Cultura, reforzando así o papel destas instalacións no ámbito investigador e académico. De feito, xa están situados nel o INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio), o CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais), a ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia), o CISUG (Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia) ou o CIEDIX (Centro de Innovación Educativa e Dixital).

Próximos pasos previstos

Unha vez aprobada a constitución de Galtia polo Consello da Xunta, agora iniciarase a execución do plan de activación, é dicir, tramitarase a escritura pública, as inscricións oficiais e porase en marcha a sede. O Diario Oficial de Galicia publicará, así mesmo, a súa clasificación e a declaración de interese galego. Tamén se deberá constituír o padroado e nomear a dirección científica e dotar ao órgano dos recursos humanos e técnicos necesarios. A estrutura de funcionamento e xestión será a mínima imprescindible dado que a meirande dos fondos destinaranse á captación de investigadores. Todos estes pasos iranse completando progresivamente ao longo das vindeiras semanas.

Galtia integrarase no sistema de I+D+i galego para o que se formalizarán alianzas institucionais e activarase a rede de entidades de acollida, así como a articulación de mecanismos de colaboración entre os membros do ecosistema de investigación e innovación. Será unha entidade pública e estará aberta a capital privado, polo que se creará a figura dos membros benefactores. Isto permitirá a incorporación de entidades colaboradoras e o fortalecemento da colaboración público-privada no ámbito da ciencia.

Neste sentido, a Fundación Galtia inspírase en modelos de éxito como ICREA e Ikerbasque. Funcionará como unha entidade da Xunta, sen estruturas propias de investigación pero fortemente conectada co ecosistema científico galego, particularmente as universidades públicas e os seus centros de investigación excelente agrupado na Rede CIGUS, os centros tecnolóxicos, as fundacións de investigación sanitaria ou o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), entre outros.

Aposta por reter e captar talento

En conxunto, Galtia contribuirá de forma decisiva á materialización dos obxectivos estratéxicos do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, consolidando un sistema científico galego máis competitivo, internacionalizado e centrado nas persoas.

Con esta fundación, a Xunta de Galicia procurará atraer persoal científico de excelencia que actualmente traballa noutros países, primando a calidade e o valor estratéxico de cada incorporación e xerando un efecto tractor en toda a cadea de valor.

Súmase a outras iniciativas xa consolidadas na Comunidade neste eido, entre as que destaca o programa Oportunius, que atrae e retén investigadores que obtiveron as prestixiosas bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC). Tamén se continúa apoiando o desenvolvemento da carreira investigadora desde a súa fase inicial (con bolsas predoutorais e posdoutorais con opcións de estabilización) e todo un paquete de iniciativas para consolidarse mediante os grupos de investigación máis competitivos, a Rede CIGUS e un crecente ecosistema público-privado de I+D+i.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2025