O director de Augas de Galicia e outros técnicos autonómicos asistiron hoxe a unha reunión en Vigo para abordar a situación da presa
A Xunta lamenta que o Concello de Vigo se desentenda do abastecemento desde Eiras sen valorar os riscos nin aportar información para coordinarse con Augas
O organismo hidráulico autonómico expón unha planificación concreta e con garantías dos traballos necesarios para resolver as deficiencias detectadas nas válvulas reguladoras da presa, para os que ten formulada unha actuación por importe de 2 M€
Vigo, 18 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia lamenta que o Concello de Vigo se estea a desentender do abastecemento á cidade e á contorna desde a presa de Eiras sen valorar nin os riscos derivados das deficiencias detectadas na infraestrutura nin aportar a información necesaria para poder coordinar a actuación entre ambas administracións.
Augas de Galicia é a única administración que acudiu á reunión técnica celebrada no Concello de Vigo esta mañá —tras ser solicitada ata en dúas ocasións pola Xunta e na que estivo o director do organismo hidráulico, Roi Fernández, e outros técnicos— con información e unha planificación concreta e con garantías dos traballos que se deberían acometer na presa tras os problemas detectados en dúas das catro válvulas reguladoras.
Neste sentido, cómpre lembrar que as válvulas de Eiras son manipuladas en exclusiva polo Concello de Vigo e que o obxectivo da proposta defendida hoxe pola Xunta é non poñer en risco o subministro de auga en ningún momento.
No transcurso da xuntanza, a concesionaria Aqualia, identificada en todo momento co Concello de Vigo e o Concello con Aqualia, limitouse a escoitar as propostas de Augas de Galicia, cando quedou perfectamente constatado que é o Goberno municipal o único que pode e debe manipular as válvulas para analizar o seu estado. Porén, o Concello de Vigo eludiu esta responsabilidade ata que, a requirimento da Xunta de Galicia, e en cumprimento da normativa de seguridade de presas, abriu unha das válvulas, parcialmente, e produciuse a súa rotura.
Ademais, os representantes de Vigo non manifestaron ter interese noutras variables, como os tempos de almacenamento de auga no Porriño, e amosaron a súa incomodidade polo servizo actual e con ter que garantir o abastecemento a outros concellos da súa área metropolitana. A única achega de Aqualia limitouse a propoñer unha reparación mínima dunha das válvulas, sen ter en conta o risco de que poida volver a romper, como sucedeu cando a manipulou o Concello durante a revisión de seguridade.
A maiores, na reunión quedou patente que o tempo proposto por Aqualia para executar a actuación non era viable sen comprometer o abastecemento, así como a imposibilidade de executar a obra co orzamento e prazos que manifestara o alcalde.
Desde Augas de Galicia volveuse lamentar que se chegase a unha situación como a actual, con graves deficiencias en dúas das válvulas da presa, e risco para o abastecemento da poboación, pola falta de información de Aqualia. Os representantes da Xunta lembraron que nin os vigueses nin os galegos teñen que pagar unha actuación de emerxencia que se podería ter evitado se o Concello de Vigo comunicara de xeito inmediato as deficiencias identificadas ao manipular as válvulas.
Exclusión do Consorcio do Louro
Augas de Galicia trasladou que o seu único interese é garantir o abastecemento a máis de 400.000 persoas, pero tendo en conta as diferentes responsabilidades que ostenta cada administración, un obxectivo para o que ten formulada unha actuación por un importe de 2 millóns de euros. Polo contrario, a postura de Concello de Vigo transmitiu a sensación de que unicamente se están a defender os intereses de Aqualia, sen ter en conta a gravidade do problema e a súa afectación para outros concellos. “Aqualia é Vigo e Vigo é Aqualia”, chegou a manifestar o Concello nunha defensa reiterada da súa concesionaria.
Na reunión, o Concello de Vigo convidou a saír ao xerente do Consorcio de Augas do Louro, entidade supramunicipal na que se integran os Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. A Xunta, en cambio, consideraba fundamental que o Consorcio estivese representado na reunión e dispuxese de primeira man de toda a información que se trasladase no encontro, dado a afectación do problema detectado para tres dos catro devanditos concellos.
Lamentablemente, o Concello de Vigo amosa unha vez máis cal é a súa postura na xestión da auga, que inclúe constantes litixios pola titularidade da presa, que é autonómica, e a incapacidade de xestionar un sistema de abastecemento supramunicipal. Porén, o Concello de Vigo incorporou á reunión a un responsable xurídico que non figuraba na relación de asistentes facilitada previamente, o que amosa o diferente carácter que cada parte lle quixo dar á reunión.